Extrapolando, e acabouse

9-M Comentar este artigo »

Xoves, 13 de marzo de 2008

Abondo deron de si as eleccións, e é hora de ir pechando a sección. Estes días estamos cos últimos retazos de campaña, agora a contas do reconto do voto emigrante. Neste senso, e sendo xa improbábeis as variacións en Galiza, o máis destacábel veu pola perda dun escano de CiU, escano que recuperou o Partido Popular, aínda que este dato para nada vai alterar o escenario a nivel electoral.

Para rematar, cumpría ao mellor facer unha reflexión sobre a lei electoral. Tense dito en moitas ocasións que o sistema electoral beneficiaba aos partidos nacionalistas, en detrimento doutras forzas que se presentaban en todo o Estado, como IU. E decote había queixas polo que de particular ten a Lei D’Hont, que é a que regula a forma de repartir os escanos.

Nestes días pululan pola rede diversos estudos que analizan cales terían sido os resultados se, co mesmo número de votos, tivesemos unha circunscrición única (e non 52, como na actualidade) ou incluso un reparto de escanos proporcional e non a través da Lei D’Hont.

Nunha web española atopámonos cunha extrapolación dos datos a unha circunscrición única, e vemos a primeira grande falacia. Os partidos nacionalistas apenas experimentan variación, xa que mentres o PNV perdería dous escanos, pola contra CiU mantería resultados e incluso BNG e ERC gañarían un escano. Pola contra, si queda plasmado de forma evidente como os dous grandes partidos saen beneficiados a costa de IU, xa que cunha circunscrición única, o PSOE perdería oito escanos e o PP seis, a maioría dos cales irían para a citada coalición. Esa é a verdadeira clave de que nunca se chegue a reformar en España a lei electoral: os grandes beneficiados son os dous partidos maioritarios, que co 83% dos votos obteñen o 92% da representación.

No blogue O Reverso podemos ollar este mesmo cálculo ou outro baseado  nunha circunscrición intermedia, pero tamén é interesante a outra extrapolación que fai, cambiando a Lei D’Hont por un reparto de escanos baseado no método proporcional.  A sangría de deputados/as que perderían os dous grandes é aínda maior.

Así que, amigos e amigas, xa podemos adiantar que non haberá reformas da lei electoral. Quen controlan o 92% do novo Congreso dos Deputados teñen moi claro que así lles vai moi ben.

Para pechar esta sección, deixámosvos uns vídeos coa valoración dos líderes dos tres grandes partidos galegos sobre os resultados electorais. Como comprobaredes, coma case sempre, ninguén perdeu.

A comarca e as tendencias de voto

9-M Comentar este artigo »

Martes, 11 de marzo de 2008

Onte, resaca electoral, analizabamos os resultados electorais do domingo en clave de país, e abordamos, pensando nas eleccións galegas do vindeiro ano, a cuestión das tendencias. Hoxe, a prensa local detense polo miúdo e as mesmas tendencias poden observarse claramente na comarca.

En xeral, na Costa da Morte o PP mantense como a forza máis votada, pero cede no conxunto da Costa da Morte máis de tres mil votos. No mesmo escenario, o BNG é a forza que manifesta o auxe máis importante, con máis de 1600 novas papeletas, mentras que o PSOE recupera unhas 1300, aproximadamente.

Pero hai datos concretos que merecen ser comentados, e que tamén poden axudar a comprender o momento en que vivimos. Por exemplo, é moi significativo que o BNG, aínda que de forma moderada, foi quen de sumar máis votos que nas pasadas eleccións (2004) nos sete concellos da comarca de Bergantiños, e en xeral mellorou notabelmente nas vilas onde manexa a alcaldía, especialmente en Zas, pero tamén en Carballo e Corcubión, o que pode interpretarse como un respaldo á súa acción de goberno.

O PSOE obtén por primeira vez a vitoria en Carballo despois de quince anos (a última databa de 1993). Porén, é significativa a contundente derrota sufrida polo PSOE en Cerceda, onde goberna con amplísima maioría (9 de 13 concelleiros/as), e o forte descenso en Vimianzo, onde o partido está sumido nunha crise interna, o que beneficiou a PP e BNG, que obtiveron uns moi bos resultados na capital de Soneira.

 O PP mantense como a forza máis votada, e valora como moi positivos os seus resultados en Santa Comba (onde acaba de apoiar unha moción de censura) e Vimianzo, pero sufriu algúns varapaus cos que non contaba, como a derrota en Fisterra, onde gobernan cunha folgada maioría absoluta.

En fin, que a Costa da Morte segue a tendencia do país, e semella que o cambio galego, que o xiro á esquerda, continúa suave pero imparábel. Veremos se é así.

Moncloa non terá inquilino galego

9-M Comentar este artigo »

Luns, 10 de marzo de 2008

O “galego” Rajoy non visitará, cando menos para quedarse, o Palacio da Moncloa. Practicamente pechado o reconto das eleccións xerais, varias cousas semellan claras:

eleccions1.jpg 

1) O plantexamento mediático da campaña favoreceu sobremaneira o bipartidismo. A excesiva importancia dada dende todos os medios de comunicación ao debate, os previos e as postrimerías, aínda recoñecendo todo o mundo o inútil dos dous debates Zapatero-Rajoy, polarizou aínda máis o voto entre PP e PSOE. A esta tendencia só sobreviviu o BNG, que mantivo representación (2 deputados/as), para alén de Rosa Díez, que debutada e obtén unha acta (a súa), mentras todas as demais forzas sufrían caídas de diversa consideración.

2) O PP mantense, en vano. A súa subida de votos é inútil, pois non ten opcións reais de chegar a gobernar.

3) A vitoria do PSOE foino a costa dos seus aliados anteriores, aos que “enguliu” electoralmente, collendo cinco deputados/as a ERC en Cataluña e facendo case desaparecer a IU. Con este escenario, o PSOE mellora a súa posición absoluta, pero non tanto a relativa, toda vez que as forzas que votaron a súa investidura fai catro anos non lle serven agora para saír electo, o cal lle obrigará a buscar outros apoios.

4) Os augurios do BNG cumpríronse, toda vez que se consumou a ausencia de maiorías absolutas e a posición relativa do BNG vai ser agora determinante en Madrid, toda vez que o PSOE precisa apoios máis aló dos que xa tiña.

 Quedan días e días para facer cábalas, mais semella que pode ser unha lexislatura interesante para o país, haberá que agardar a ver que acontece. Dende logo, o mapa electoral galego ofrece poucas variacións en canto a representantes electos (Galiza terá desta volta un deputado menos nas Cortes, e iso é todo o que perde o PP, máis nada), pero si ofrece datos interesantes sobre tendencias de voto, que a bo seguro serán analizadas de cara ás inminentes eleccións galegas.

eleccions2.png

O Partido Popular mantense como a forza máis votada, pero cede tres puntos porcentuais en intención de voto, confirmando a súa tendencia á baixa. As forzas do bipartito recuperan esa mesma distancia, en maior medida o PSdeG, que aproveita que estas eleccións lle son máis favorábeis e o factor mediático. O BNG, pola súa banda, confirma a recuperación, frea a caída, e non só mantén a representación senón que o fai mellorando o número de votos obtidos a pesar do aumento da abstención.

Con isto, malia todo, semella que no horizonte aproximado dun ano, se vislumbran unhas eleccións galegas abertas e onde aínda pode pasar de todo.

A reflexionar se dixo…

9-M Comentar este artigo »

Sábado, 08 de marzo de 2008

Ben, quedan unhas últimas horas para reflexionar sobre que facer na data de mañá, se votar, non votar, se votar como galegos/as, se votar con cabeza e corazón ou se votar con todas as forzas.

En todo caso, estas foron as primeiras eleccións que se viviron desde esta humilde web, que abriu unha ventá específica a través da sección 9-M. Quizais, para esta xornada de reflexión, o mellor que poidamos facer sexa recomendarvos unha visita a esta sección e repasardes o que deron de si estes últimos días.

A campaña tivo algo de todo, por fin houbo debates, vivimos o aproveitamento da infancia, coñecemos a historia completa do “Mano dura, cabeza y corazón” do PP (Partido Patriota), vimos alternativas minoritarias e algunhas certamente rancias e comprendemos a importancia do voto para unha vida feliz.

A campaña viuse truncada, a poucas horas do seu remate, por un atentado imperdoábel. Dende aquí, animamos a toda a xente a manifestar a súa repulsa exercendo como cidadáns e cidadás, manifestando o seu parecer nas urnas, e facéndoo tal como fariamos se ETA non tivese aparecido. Iso é o mellor que podemos facer, non deixar que decidan por nós.

O luns xa botaremos un ollo ao que deu de si o 9-M, hoxe, polo de pronto, toca reflexionar. Boa lectura.

Non nos importa a súa opinión

9-M Comentar este artigo »

Venres, 07 de marzo de 2008

lazo1.jpg

Ninguén os chamara, ninguén lles pedira opinión, pero coma decote, os energúmenos da ETA quixeron deixar a súa impronta na campaña electoral que hoxe remata. A súa opinión é lixo, a súa opinión é dicir que pasan da democracia, pero non imos facerlle caso ningún. A morte hoxe dun ex-concelleiro do Partido Socialista de Euskadi supón un atentado máis a aquilo que máis aprezamos: a nosa liberdade de expresión. Por iso o condenamos firmemente, porque non teñen dereito a impoñernos o seu silenzo.

Dende esta humilde tribuna, chamamos a quen nos lea a seguir adiante, a non escoitar a súa mensaxe. E a mellor maneira é reafirmarnos no noso compromiso democrático, reafirmármonos no voto tal e como o faríamos se eles non tivesen falado, votando a quen fósemos a votar. Porque se cambiamos a papeleta que tiñamos preparada, ETA gaña.

Por iso, dende aquí reclamamos máis unha vez, este domingo, votemos como galeg@s, máis convencidos/as do que xa o estabamos. Pola democracia, pola dignidade, polo país. 

Abuso de menores

9-M Comentar este artigo »

Xoves, 06 de marzo de 2008

Os menores de idade non votan, e usalos en campaña electoral pode considerarse un abuso. Claro que aquí falamos de menores ficticios.

O luns, no debate con ZP, Rajoy repetía o recurso de augurar un futuro mellor para unha hipotética nena. O recurso, ademais de repetido, xa non era novo, xa tiña precedentes na política ianqui, e a curiosidade quixo que apenas un día despois de Rajoy, o símil fose utilizado por Barack Obama, un dos precandidatos do partido demócrata.

Máis aló do real ou do ficticio do uso da infancia, non deixa de ser triste que o mellor que poida ofrecernos o “galego” Rajoy sexa intentar conmovernos cunha metáfora tan manida. Pouco futuro se lle ve. Neste sentido, é moi interesante a viñeta-reflexión de Kiko da Silva en La Voz de Galicia, unha lectura moi atinada.

 

Pero, lamentabelmente, a falta de orixinalidade de Rajoy non remata aí, senón que o recurso á infancia volve ser un recurso repetido e traído do seu asesor de imaxe, o señor Solá, quen xa utilizou esta “técnica” como asesor do candidato dereitista en México, e que xa fora o propulsor do lema “Con cabeza e corazón”, que copiara á súa vez doutro lema que el inventara para outro PP, o Partido Patriota de Guatemala, aínda que o lema completo, realmente, era “Mano dura, cabeza y corazón”, e senón, ollade (si, xa sabemos que o vídeo está repetido, pero non me negaredes que é divertido).

E haberá galeg@s en Madrid tras o 9-M?

9-M Comentar este artigo »

Mércores, 05 de marzo de 2008

Levamos uns días enleados sobre a condición de galego/a e quen aspira a representarnos en Madrid nestas eleccións.

 O PP, na súa propaganda electoral, aproveita a orixe galega de Rajoy para pedirnos un galego na Moncloa. Un galego especial, iso si, porque para alén da defensa ou non do bilingüismo, nin na súa época como presidente da deputación pontevedresa, nin na súa época como vicepresidente da Xunta de Galicia usou nunca xamais a lingua deste país. Mesmo esta semana, no debate con Zapatero, só mencionou de refilón unha vez Galiza, e foi para dicir que o castelán aquí corría perigo… Pódese presumir de galego e ignorar totalmente a súa lingua? Nin Fraga (ministro da ditadura e por tanto defensor no seu tempo da prohibición das linguas distintas do castelán) se atreveu a tanto en democracia. Mal camiño leva o “galego” Rajoy.

No PSOE, César Antonio Molina,  ministro de cultura saínte e cabeza de lista pola Coruña, veu dicirlle ao BNG que xa había galegos/as en Madrid, e incluso no consello de ministros. En puridade, el tampouco poderá presumir de ser o primeiro, outros houbo antes, entre eles o propio Rajoy. E o que é por acó, a este home pouco se lle coñecía, nin como galego nin como outra cousa. Pero se cadra é certo que aspira a representarnos.

Mentras, o BNG, aproveitando o rebufo dun anuncio moi popular, anímanos a “votar como galeg@s”, recordando que até que Paco Rodríguez chegou ao Congreso o nome do noso país non se pronunciou naquelas tribunas.

Sexa como for, esta foi unha semana de debates. Foi a semana do debate Zapatero-Rajoy, e tamén era a semana prevista para os debates dos cabezas de cartel das tres forzas nas distintas provincias galegas. Era, porque moitos cabezas de cartel renegaron do debate. Nin o “galego” César Antonio Molina (PSOE), nin Pepiño Blanco e Elena Espinosa (tamén PSOE), nin a ex-ministra popular Ana Pastor aceptaron o convite da TVG. Un novo paso atrás.

Das cousas curiosas que atopamos estes días na rede, atopamos un artigo dun militar na reserva que, sen ser galego, pide o voto para o BNG.  Un caso peculiar. Tamén é interesante o artigo de Marcelino Fernández Mallo no que reflexiona sobre o voto galego e as distintas alternativas. Boa lectura.

A importancia do voto para unha vida feliz

9-M 1 Comentario »

Luns, 03 de marzo de 2008

Reflexionabamos onte sobre as enquisas electorais (hoxe é o último día que se poden publicar) de cara ao 9 de marzo, pero hai unha que vén de coñecerse e que quizais non entra nos patróns comúns dos estudos demoscópicos.

Na presentación do X Congreso Español de Sexoloxía, deuse á luz un estudo elaborado por SigmaDos que desvela interesantes datos no que se refire á relación entre a intención de voto e o placer sexual. As diferenzas, entre as mulleres, son menores. Sen embargo, entre os homes, os máis felices e satisfeitos sexualmente son os que non votan nin a PP nin a PSOE, son os que máis gozan das súas relacións sexuais (un 42%), dez puntos porcentuais por enriba dos votantes das dúas forzas estatais.

Xa que logo, e estando como estamos en véspera de eleccións, e sendo este, a moito que non o pareza, un estudo serio e rigoroso, pregamos a quen lea este estudo que recomende, o vindeiro 9 de marzo, que todos os seus amigos galegos voten ao BNG. Se non o fan polo país, que o fagan como un acto de egoísmo, pola propia felicidade.

Outro dato interesante é que o nivel de satisfacción sexual é moito maior entre os agnósticos, onde se acada a interesante cifra do 89% dos que se din satisfeitos, fronte a apenas un 30% de católicos practicantes. Quizais haxa moito de certo no estudo, e incluso na interrelación entre determinadas forzas políticas, determinadas confesións relixiosas (e a súa petición de moderación sexual, limitada só a procrear) e a súa felicidade.

Nós, dende aquí, convidamos a todo o mundo a ser feliz. Convidamos á xente a ser feliz exercendo o seu voto este domingo, pero tamén e sobre todo a ser feliz na súa vida, tanto pública como privada.

Sondaxes para escoller

9-M Comentar este artigo »

Domingo, 02 de marzo de 2008

A unha semana das eleccións xerais do 9 de marzo, case toda a prensa escrita aproveita para publicar enquisas de intención de voto de cara á cita electoral. As enquisas teñen, todas elas, unha fiabilidade limitada, e sempre se acostuma dicir que a verdadeira enquisa é a do día das votacións. Sen embargo,  hai trazos comúns que podemos destacar de todas elas, e que poden ser xa indicios do que acontecerá o domingo.

Como grande titular a estas alturas, semella que o máis que probábel é que ningunha forza política obteña maioría absoluta o vindeiro domingo, e de feito ningunha enquisa prognostica este resultado para ningún dos dous grandes partidos. Así pois, tal e como ben de reclamar o BNG nestes quince días, o escenario será aberto e quen queira gobernar terá que escoitar aos demais.

No mapa galego, o PP segue á baixa, perdendo puntos en intención de voto en practicamente todas as provincias, aínda que semella que iso non lle repercutirá negativamente no número de representantes (cousas da lei electoral) salvo, quizais, en Ourense.

O BNG, pola súa banda, amósase como a única forza nacionalista do conxunto do estado con previsións de mellorar os seus resultados, e de feito, a consulta da empresa Sondaxe para La Voz de Galicia atribúelle unha subida do 0.8% ao 1.1% (sobre o total de votos no Estado), o cal sería un magnífico resultado para o nacionalismo e unha subida moi significativa, aínda que isto, máis unha vez, tampouco repercutiría nun aumento de escanos, cando menos se a subida non é maior.

En todo caso, resta unha semana para os comicios, e é moito o que pode variar. Disque nos queda unha semana para escoller presidente do goberno. Despois, nos vindeiros catro anos, os galegos e galegas andaremos a preguntar, en cada votación, onde están os deputados/as do noso país e por que non nos defenden. Quizais debamos esta semana  parármonos a pensar quen nos pode defender mellor durante os próximos catro anos. A reflexionar.

E ao final houbo debate galego…

9-M 2 Comentarios »

Xoves, 28 de febreiro de 2008

Coas xa acostumadas reticencias do Partido Popular, que antonte anunciabamos que bloqueaba a posibilidade do debate, este ao final tivo lugar onde se programara: na canle pública galega, onte á noite.

O debate supuxo o primeiro encontro nun debate entre Feijoo, Touriño e Quintana, e levou polos carreiros xa previstos e previsíbeis. Feijoo anunciando que España necesitaba un cambio, Touriño sinalando que Galicia se sente cómoda na España plural de Zapatero, e Quintana reclamando para Galiza o seu espazo no Estado.

As lecturas dos partidos son as previsíbeis, cadaquén barrendo para casa. Neste enlace podedes ollar unha recolleita dalgunhas das intervencións máis interesantes e, no vídeo que segue, podedes ver o debate quen non tivestes a oportunidade de velo en directo. Dende aquí, simplemente, felicitármonos de que, por unha vez, a cidadanía poida escoitar ás diferentes forzas políticas contrastar as súas ideas. É un signo de normalidade.

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in