O escurantismo do PPdeG

9-M Comentar este artigo »

Martes, 26 de febreiro de 2008

As convicións democrácticas dalgún partido político ás veces poderían poñerse en cuestión. Hoxe, en plena campaña electoral, en resaca do primeiro cara a cara Rajoy-Zapatero, é un bo día para reflexionar sobre quen quere e quen non quere facerse oír, e sobre todo quen está disposto a oír.

O debate entre Zapatero e Rajoy é a culminación dun modelo que non podemos compartir, pois presupón a existencia de dúas únicas alternativas, cando isto non é así, e discrimina claramente ao resto de forzas que se presentan a estas eleccións. Cabería pensar e razoar que, ao igual que ocorre por exemplo na cámara, o tempo dispoñíbel a usar por cada intervinte dependese da actual representación, mais eliminar do debate a todas as forzas polítcas salvo PP e PSOE é algo indigno e pouco democrático. Reducir toda a variedade a dúas opcións é demasiado reducir.

Pero quizais hoxe tamén poidamos reflexionar sobre o medo que o PP ten ao debate. Era o primeiro debate entre candidatos en anos. O PP aceptou debater co PSOE cando eles eran os aspirantes, isto é, a última vez que Aznar estivo na oposición e, daquela, Felipe González no goberno. Tan pronto como chegaron ao poder, negáronse a ningunha clase de debate, nin no 2000 nin no 2004. Agora, que volven partir dende a oposición, volven aceptar o debate. Curiosa vara de medir.

Pero, aínda así, a cousa vai máis lonxe, e nin así o teñen de todo claro. En Galiza estaba previsto para mañá un debate a tres, entre os portavoces dos tres grandes partidos galegos (PP, PSOE e BNG), pero mira por onde ao PP volve entrarlle o medo escénico, e tiran por terra a posibilidade dun debate.

Ben, certamente non se negan ao debate, pero poñen tantas excusas que o acaban inviabilizando: que se non vale o escenario escollido, que se non vale o xornalista que ía moderar o debate, que se non aceptan que sexa emitido en directo (por que?)…

Triste imaxe a deste partido que se di demócrata pero despois non fai máis que poñer trabas á que é a verdadeira esencia da democracia: o contraste de pareceres e posturas. Aínda sen debate, a cidadanía pode e debe xulgar.

Xente para todo

9-M Comentar este artigo »

Sábado, 23 de febreiro de 2008

Comezou a campaña electoral, e nela podemos ver algo de todo, desde logo moito máis variado que os tres grandes partidos galegos. O xornal electrónico gznacion ofrecía onte unha interesante reportaxe sobre o tema.

Así, atopámonos con que fronte á ilegalización de diversas forzas políticas en Euskadi (e terían medo de que lles restasen representantes?), coa mesma Lei de Partidos na man permitiron que se presentasen outras forzas como Falange Española, Democracia Nacional ou Alternativa Española.

Entre as moitas excentricidades que atopamos na rede de parte destes colectivos, Alianza Nacional, por exemplo, ofrece unha enquisa na que se pregunta “¿Como acabar con el terrorismo separatista?”, e ofrece entre as alternativas, e non é coña: o garrote vil, o lanzamento dende helicóptero ou o aforcamento. Daría risa se non desen pena.

Deixamos por aquí un link no que, por exemplo, un destes partidos se queixa de que as forzas políticas se propoñan reducir o IVE dos preservativos, e nos que din postularse para defender as nosas raíces cristiás. Para votarse a chorar.

Democracia Nacional, pola súa parte, céntrase no seu obxectivo de “barrer a escoria” en referencia a toda a inmigración. Lamentábel.

E, xa como último mal rollo, os “descendentes” de Primo de Rivera, cantando o “Cara al sol”, e cunha musiquiña que xa anima  a calquera cousa menos a facerlles caso:

O dito, que hai xente que da moita peniña. O triste é que eses dous grandes partidos que tanto axitan a Lei de Partidos cando se trata de Euskadi, permitan despois espectáculos tan lamentábeis.

O PP esconde a man dura

9-M Comentar este artigo »

Venres, 22 de febreiro de 2008

O PP vén de presentar a súa campaña electoral cun lema ben curioso: “Con cabeza e corazón”. A curiosidade reside en que este lema non é novo, pero está mutilado. O lema orixinal é “Mano dura, cabeza y corazón”, e foi usado fai ben pouco por outro PP, o de Guatemala, aínda que as  siglas alí significan Partido Patriota. O PP de Guatemala, que representaba ao sector máis á dereita nese país,  non sabemos se será unha sorte de conxuro,  perdeu eses comicios electorais. Velaquí vos deixamos un par de vídeos do Partido Patriota, para que vexades a quen aspira a semellarse o noso Partido Popular.

Pensará quen isto lea que somos uns mal pensados, que andamos sempre a buscarlle tres pes ao gato, e que se trata dunha simple casualidade. Nós tamén o pensamos así, pero hoxe, remexendo na blogoteca, resulta que non, que non é casualidade: o Partido Popular vén de fichar para a súa campaña electoral a Antonio Solá, un dos ideólogos da campaña guatemalteca e autor do lema orixinal.

Sen embargo, o Partido Popular decidiu aquí agochar a man dura, alomenos do lema, porque as súas últimas manifestacións públicas (petición da posibilidade de penas de cárcere a partir dos doce anos, proposta dun contrato para todos os inmigrantes que entren en España…) fan que a man dura non estea agochada máis que no lema, porque no fondo do corazón das xentes do PP segue estando moi presente.

A fichaxe do dereitista Solá para a campaña de imaxe de Rajoy tampouco é casual, pois segundo se conta hoxe na rede é un home do círculo da FAES que dirixe o ex-presidente José María Aznar, o cal xa explica moito, non só do lema, senón do camiño que segue a tomar o Partido Popular. 

Solá non estivo só na campaña guatemalteca, senón que asesorou aos partidos da dereita noutros países como Perú, Colombia ou Arxentina, así como en México, onde participou da campaña do actual presidente Felipe Calderón, quen empregou nesta lemas como “Ciudadanos tras las rejas, delincuentes en la calle” ou “Mano firme, pasión por México”. Cando menos, hai que agradecerlle a esta xente que non agochan nadiña.

Hoxe comeza a campaña?

9-M Comentar este artigo »

Xoves, 21 de febreiro de 2008

Segundo a lexislación electoral, nesta madrugada, ás 00.00 horas, comeza oficialmente a campaña electoral para as xerais do 9 de marzo. Sen embargo, é moi relativo: poida que oficialmente sexa así, pero na práctica os valados publicitarios levan meses anunciándonos candidatos e lemas, os partidos levan xa moitos quilómetros de actos públicos, e as propostas están sobre a mesa.

A estas alturas, e dicindo a historia que moi pouco acostuma moverse en intención de voto durante a campaña, todas as enquisas falan dun empate técnico que non se vai mover, e que fará que ningún dos grandes aspirantes ao goberno, PP e PSOE, vaian dispoñer de maioría absoluta.

Todo parece indicar, pois, que Zapatero terá que volver liderar o goberno, toda vez que o PP non ten ningún partido co que parece poida chegar a un acordo para a próxima lexislatura, e anúncianse catro novos anos de goberno en minoría, catro anos de diálogo político entre partidos.

Neses escenarios, calquera pode recordar o proveito que os cataláns (CiU primeiro, ERC despois) tiraron para a súa terra dos gobernos en minoría; tamén o PNV en menor medida durante  o primeiro mandato Aznar. Na actual tesitura, o BNG xa fixo valer en favor de Galiza a minoría do PSOE e a importancia dos votos galegos para conseguir máis de medio cento de millóns de euros en inversións extras e o compromiso de novas transferencias. Agardemos que o novo escenario poida volver facer importante o nacionalismo no Congreso, e que Galiza poida estar presente nese debate.

Ampliar imaxe 

 

En todo caso, a campaña está lanzada. O BNG é a única forza que, na nosa terra, está a publicitar aos seus candidatos e candidatas, mentres que PP e PSOE se lanzaron nunha sorte de campaña presidencialista, onde o único que semella importar é o grande líder (Rajoy ou Zapatero, segundo o caso) pero pouco ou nada sabemos das persoas que aspiran a representarnos (ao mellor é que non aspiran a representarnos a nós no Congreso, senón que só aspiran a representar aos seus partidos diante de nós).

Sobre a necesaria derrota do PP

9-M, Hoxe recomendamos... 1 Comentario »

Sábado, 09 de febreiro de 2008

Hoxe recomendamos un artigo de Dani Álvarez, e a quen xa temos recomendado, penso, noutras ocasións. Este rapaz nado na Galiza e actualmente residente en Euskadi reflexiona sobre un tema que para os nacionalistas é tamén de moito interese: a necesaria derrota electoral do PP.

As posturas políticas mantidas polo Partido Popular son antitéticas, non só coa nosa visión do mundo, senón en moitos casos cos máis elementais conceptos democráticos.

O artigo de Dani Álvarez reflexiona sobre as máis extremas posicións defendidas polo PP na última lexislatura, e tamén na anterior, na que ocuparon o goberno, e hai un artigo que quizais resume perfectamente o sentimento que poderíamos entresacar:

” Hai que derrotar ao partido que dixo que “votar a calquera que non sexa o PP será votar porque ETA volva ás institucións” (Aznar), ao que acusa a PNV, EA, BNG, ERC e PSOE de dar soporte a ETA, ao que sinalou que os gais son fillos de pais “hostís” e “alcólicos” (Aquilino Polaino), ao que enganou dicindo que o “colapso nas urxencias dos hospitais débese a que os inmigrantes descubriron a grandeza do sistema sanitario” (Cañete), que o 11-M fora obra de ETA e dunha conspiración policial controlada polos socialistas, aos que fixeron que os mortos votaran en Galiza, aos que dixeron que a política lingüística da Xunta era semellante á do franquismo (Núñez Feijoo), ou que o franquismo foi un tempo de “extrema placidez” (Mayor Oreja), que había armas de destrución masiva no Iraq…

En fin, como observades, unha retaíla de razóns para infrinxir unha dura derrota ao PP, unha derrota que só pode vir por un aumento de peso do nacionalismo, toda vez que o PSOE navega entre a indefinición e a loita por copar os espazos da dereita. Só o nacionalismo parece ser unha vía de profundamento nos dereitos sociais e na democracia durante a vindeira lexislatura.

Por outra parte, aproveitamos para recomendar unha visita á columna que no xornal Galicia-Hoxe ten o debuxante López, que nos ofrece unha visión diferente, en forma de viñetas, sobre a realidade do momento e, arestora, como non podía ser doutro xeito, desta campaña electoral. Totalmente recomendábel.

Volve o sector máis á dereita no PP

9-M, O que hai que oír Comentar este artigo »

Venres, 08 de febreiro de 2008

As campañas electorais son momentos nos que todas as forzas políticas intentan convencernos das súas bondades, e amosar a súa cara máis amábel. No PP, sen embargo, semella que isto non pretende ser así.

Despois de moito tempo en que tentaron convencernos da súa viaxe ao centro (viaxe pouco críbel estando liderada por un ex-colaborador da ditadura, Manuel Fraga), a vertente máis dereitista tomou o poder e, trala caída de Ruiz Gallardón, amosan novos e preocupantes signos de ranciedade no PP.

Esta forza política ven de presentar como candidato ao Senado pola provincia de Albacete ao ex-xornalista Dimas Cuevas, coñecido no zona onde dirixía un xornal no que verqueu fortes comentarios homófobos. Velaquí un extracto das súas xoias:

“Las bodas de lesbianas tendrán que incluir diversas variedades de tortillas [...] y los convites para homosexuales serán a base de perritos calientes y plátanos al horno”.

“Si la palmo antes de lo previsto, prohíbo que den a mis chiquillos en adopción a ningún matrimonio de gays, lesbianas o mediopensionistas. Sólo falta que los traigamos al mundo, los criemos y los eduquemos, para que luego acaben los pobres rodeados de cualquier cosa.”

“Sólo me cabe una duda: si los que se casan son dos machos (con perdón) y en el supuesto caso de que uno de los manchegos matrimoniados tenga la mano larga, ¿su pareja tendrá derecho a la protección de la nueva ley contra la violencia de género? Supongo que, siguiendo la Ley de Mahoma, sólo será así si el maltratado es el que toma…”

Por unha banda hai que recoñecer que está ben que os partidos políticos se desenmascaren e nos presenten a súa verdadeira faciana. Por outro non podemos máis que lamentar que un partido que di ser alternativa de goberno nos presente no século XXI a alguén tan retrógrado.

 Claro que non é o único. O ex-ministro e novamente candidato Arias Cañete tamén se destapou onte cunhas declaracións nas que culpaba á inmigración de diversos males da sociedade española, entre eles as colas na sanidade e o baixo nivel de formación en determinados postos de traballo. Non, a culpa non é nin da falta de investimentos en sanidade nin do empresariado que nin forma nin lle preocupa a formación, senón dos inmigrantes. Que fácil culpar ao indefenso, será que os inmigrantes non votan nestas eleccións?

Voto por correo

9-M Comentar este artigo »

Sábado, 02 de febreiro de 2008

Como xa sabes, o vindeiro 9 de marzo celébranse eleccións xerais, eleccións nas que Galiza se xoga ser ou non ser decisiva na gobernabilidade, conseguir ou non conseguir aquilo que se propón. De cara a esta importante cita, se non vas poder exercer o voto de forma presencial por non estar no teu lugar de residencia habitual, non esquezas solicitar o voto por correo. É un proceso totalmente gratuito e coa mesma validez que o voto en urna.

 Para solicitar o voto por correo, hai que personarse en calquera oficina de correos antes do 29 de febreiro co documento de identidade na man. Alí, facilitaranvos os documentos para solicitar a vosa inscrición como votantes por correo. Esa solicitude remitirase de balde dende correos á delegación do censo electoral.

Unha vez feito isto, entre o 19 de febreiro e o 3 de marzo chegaravos ao domicilio unha serie de documentación, entre a cal estarán as papeletas de voto. Só hai que meter o voto elexido e a documentación que vos indican, e remitila de novo totalmente de balde.

Xa que estas son unhas eleccións trascendentais para Galiza, se non vas poder exercer o teu dereito a voto o día 9 de marzo non o dubides, solicita o voto por correo.

O 9 de Marzo, a Igrexa tamén xoga

9-M Comentar este artigo »

Xoves, 31 de xaneiro de 2008

A igrexa católica, esa á que pertencen, entre outros, os bispos que veñen de tildar unha vez máis de enfermidade a homosexualidade, ou aqueloutro que dixo que os menores, ás veces, os incitan a abusar deles, por non falar dos casos de pederastia… vén de considerar oportuno “orientar” o voto de cara ás eleccións do vindeiro 9 de marzo.

Segundo a nova que recolle hoxe o Gznacion, a conferencia episcopal non pide, de forma expresa, o voto para ningunha formación política. Isto na teoría, porque despois recomenda un voto “moralmente axeitado” e, entre outras lindezas, inclínanse por non votar a partidos que “negocien cos terroristas” (a alusión ao PSOE fica clara, incluirán tamén no saco ao PP?; temémonos que non, a pesar de que Aznar ou delegados seus si se entrevistasen con ETA) ou sinalan aos nacionalismos, indicando  que admiten (”en principio”) a lexitimidade das súas posturas, pero mandándolles un recadiño ben claro: “hai que evitar a manipulación da verdade histórica e da opinión pública en favor de pretensións particularistas ou reivindicacións ideolóxicas”. 

En fin, todo un compendio que se resume en dez puntos (si, como os mandamentos) que non teñen desperdicio e que vos recomendamos (podedes botar un ollo na propia páxina de Gznacion).  Tamén podedes atopar información sobre este tema en Vieiros e La Voz de Galicia.

Podo prometer e prometo…

9-M Comentar este artigo »

Domingo, 27 de xaneiro de 2008

Onte, sábado, foi unha fin de semana intensa na campaña electoral do vindeiro 9 de marzo. Rajoy e Feijoo organizaron un acto de precampaña en Santiago de Compostela, o BNG organizaba a súa convención electoral neste mesma vila, mentres que o PSOE se reunía en Madrid para debater e aprobar o seu programa electoral.

O PP, despois de montar a liorta co tema da lingua, pasou por alto deste tema en Galiza, e centrou parte das súas intervencións no tema económico, onde segue a ofrecer unha e outra vez rebaixas de impostos. Máis aló de que non deixe de seguir sendo demagóxico andar sempre co tema de dicirlle á xente que vai pagar menos (cousa que por outra parte é un engano de ilusionista, toda vez que prometen rebaixar os impostos directos, é dicir, aqueles nos que cadaquén paga en función do que ten, co cal antes ou despois acabarán subindo os indirectos, que se ven menos pero repercuten de igual xeito en calquera clase social, é dicir, desta forma acabamos coa progresividade do sistema tributario e aumentamos as desigualdades), non deixa de ser tamén paradóxico que xusto onte, fronte á sede do PP en Madrid, houbese organizada unha protesta dun milleiro de veciños/as de Salamanca que protestaban por unha subida salvaxe (dun 33% nalgúns casos) dos impostos municipais, nun concello onde precisamente goberna o PP. Ou, tamén por exemplo, ollamos estes días o debate na vila de Coristanco, onde precisamente toda a oposición está a protestar por unha subida excesiva dos impostos municipais que pretende o goberno do PP. Non deixa de ser irónico. Por certo, unha vez máis, tamén en Galiza, atopou espazo no seu discurso para falar, como non, de terrorismo e ilegalización de partidos políticos. Hainos que non cambian.

Na xuntanza que o PSOE mantivo en Madrid, pois non deixa de haber tamén as súas peculiaridades. Por exemplo, unha das enmendas que seica fixeron algunhas deputadas ao programa foi a de solicitar que calquera modificación que se estableza na lexislación sobre o aborto contemple o dereito das mulleres a decidir. O paradóxico desta situación está en que, mentras outras forzas de esquerda como o BNG teñen isto moi claro e defendérono sempre, o PSOE non se aclara. Fai catro anos figuraba como compromiso electoral de Zapatero, o de aprobar unha lei de prazos, pero non se atreveron (quizais polas presións, non se sabe), e agora atópanse que deron un paso atrás e teñen que discutir se están a favor ou non. Pois vaia coas políticas progresistas do PSOE.

O BNG, pola súa banda, lanzou dúas mensaxes claras de cara ao 9 de marzo. Primeiramente, que despois desta data, e de cara ás negociacións para a elección de presidente, o BNG estará disposto a negociar o que faga falta, pero sempre poñendo sobre o debate Galiza. En palabras de Quintana: con Galiza, todo; sen Galiza, nada de nada.

Neste senso, destacou tamén o factor da negociación desenvolvida co PSOE nos últimos meses, nos cales o BNG conseguiu inversións e transferencia de competencias, e resaltou que o BNG é a forza que  menos deputados/as ten de Galiza, pero aínda así o presidente non negociou nin cos deputados/as galegos/as do PSOE nin cos do PP. Cos primeiros, porque abondaba con darlles ordes, e cos segundos porque non ían atender a razóns. Por iso, se queremos que alguén mire por Galiza só resta o voto BNG. 

E incidiu tamén Quintana nun aspecto interesante: moita xente pregúntase até o 9 de marzo quen será o vindeiro presidente, e durante a lexislatura interrógase que peso teñen e que están a facer por nós os deputados/as galegos/as.  Pois Quintana animou a cambiarmos de estratexia: darmos forza ao BNG para conseguirmos que a representación galega e que vai mirar polo país (isto é, a do BNG) sexa forte e así xa saberemos ben despois que poden facer por nós, independentemente de quen presida o goberno central.  

A lingua, en campaña

9-M Comentar este artigo »

Mércores, 23 de xaneiro de 2008

A cuestión lingüística entrou de volta en campaña, e desta volta non foi o nacionalismo galego quen deu o debate. Tristemente, un “galego” como Mariano Rajoy, candidato do PP á presidencia do goberno, fixo saltar a lebre e suscitou un sinnúmero de reaccións ao anunciar que garantirá, supostamente, a normalidade do galego naqueles territorios do estado con lingua propia.

Quizais, calquera persoa cun pouco de sentidiño se pregunte: e cal é o problema do castelán na Galiza, por exemplo? Pois nós non o vemos, non acabamos de atopar un trámite, unha acción concreta… que non se poida realizar na lingua de Castela nestas nosas terras.

Paradoxalmente, ao “galego” Rajoy nada lle preocupa que o galego (este si, o idioma) siga tendo vetados un sinnúmero de espazos, como a xustiza, as notarías, a administración do estado, e un longo etcétera.

Como era de agardar, as declaracións de Rajoy suscitaron moitísimas respostas. Quizais un artigo de moito interese a este respecto sexa o publicado hoxe en Vieiros por Dani Álvarez, pero tamén podedes botar unha ollada ás declaracións feitas por Anxo Quintana, Touriño, Anxo Quintana. Tamén hoxe podiamos ver, por exemplo, máis unha vez, os atrancos que a lingua galega atopa, neste caso nunha nova que publica Vieiros.

En fin, a estas alturas da película, aínda o que hai que oír.

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in