Por unha Palestina libre

Alén Miño Comentar este artigo »

Xoves, 15 de maio de 2008 

Ler máis… »

Atropelos en nome da democracia

Alén Miño Comentar este artigo »

Martes, 29 de abril de 2008

Hai valores dos que se alardea moito, mais que despois para algunha xente semellan difíciles de practicar. Falamos da liberdade, do dereito á liberdade de expresión, e do respecto a quen pensa distinto. Se conxugamos a dificultade para asumir postulados coma estes coa posesión de fortes doses de poder, atopámonos con atropelos inxustificados que despois se “xustifican” en nome da democracia e demais (pobre democracia, con que culpas ten que cargar!).

Vén isto a conto de cumprírense fai algo máis dun mes o quinto aniversario do xornal Egunkaria. O xornal Egunkaria ten, por todo delito coñecido, escribir dende Euskadi, para Euskadi, e en euskara. Isto seica molestaba a moita xente, e as asociacións de ideas, sempre que falamos destas terras, foron fáciles. Comezouse con acusacións infundadas de colaboración co terrorismo (en Euskadi isto comeza a ser unha acusación demasiado frecuente) e rematouse cun peche preventivo.

O conto é lamentábel. Os traballadores e traballadoras do xornal aínda hoxe non se puideron defender, e é que a cousa é que o xornal foi pechado como medida cautelar (presunción de culpabilidade, seica), e aínda hoxe segue pechado, por máis que o único fiscal que presentou cargos xa os retirou, non existindo na actualidade nin acusación, nin condena, nin xuízo. Esta é a xustiza española, que meritoriamente se sitúa nun triste 46º posto mundial en imparcialidade e 64º en independencia, por debaixo de países como Malawi ou Turquía.

Para máis escarnio, na data en que se cumpría o quinto aniversario do peche sen probas do Egunkaria, saían da cadea Alberto Cortina e Alberto Alcocer, dous ladróns de gravata, os coñecidos como “os Albertos”. Foran condenados a máis de tres anos de cadea por estafa e falsidade, pero o Tribunal Constitucional estimou que os delitos prescribiron (ou que tanto “glamour” non podía estar entre reixas, non o temos claro).

Non imos facer unha reflexión final por non nos deprimir. Que cadaquén tire as súas propias lecturas, non é difícil.

Son realmente as linguas as que separan?

Alén Miño Comentar este artigo »

Luns, 28 de abril de 2008

É para ficar dunha peza. No número 13 da revista Longa Lingua publícase un interesante artigo de Iulen Urbiola Loiarte, director da Fundación Euskara Kultur Elkargoa, destinada á promoción do euskara en Navarra, un artigo que, para quen descoñeciamos a situación deste territorio, supón unha revelación incríbel nun estado que algúns deron en chamar de dereito.

O citado artigo, que leva por título Navartheid, céntrase en analizar a situación legal da lingua euskara no territorio navarro, onde unhas cento vinte mil persoas se declaran vascofalantes. Se nós consideramos mala a nosa situación legal en canto ao idioma (que o é), a do euskara en Navarra, á luz deste artigo, debe ser considerada nefasta.

E é que os supostos dereitos de igualdade e non discriminación legal levan un golpe na súa liña de flotación. A lei que regula a promoción da lingua vasca en Navarra non é aplicábel por igual en todo o territorio, isto é, non todas as persoas de Navarra teñen igualdade de dereitos. Semella incríbel, mais é así.

Acontece que no norte, a chamada zona vascófona, os cidadáns e cidadás teñen dereito a usar calquera das dúas linguas (castelán e vascuence) nas súas relacións coa administración e a seren atendidos/as na mesma lingua. No ensino pódese escoller a lingua vehicular.

Pero segundo baixamos polo mapa, atopámonos coa chamada zona mixta, que é o territorio máis curto de extensión pero máis poboado (inclúe a capital), lugares onde a persoa pode escoller a lingua na que dirixirse á administración, mais xa non ten dereito a ser atendido na lingua que escoller.

E logo chegamos á zona sur de Navarra, a máis extensa territorialmente, onde xa se roza o esperpento, pois calquera persoa pode dirixirse en vascuence á administración, mais esta poderá requirirlle a tradución. Isto é, os cidadáns e cidadás poden intentar seren atendidos/as en vascuence, mais as garantías de éxito non existen. No que toca ao ensino, non se garante o dereito ao ensino en vascuence, vinculándoo á demanda, o que na práctica implica que só se pode estudar en euskara no ensino privado.

Esta situación aberrante conta co aplauso das dúas forzas de ámbito estatal, que controlan o parlamento navarro. Dende o Partido Socialista de Navarra falan dun “bilingüismo parcial ou zonal” [non sabemos se harmónico...] froito do pacto constitucional, sinalan que ao seu xuízo “o vascuence alcanzou a normalización en Navarra” e por iso consideran que están superados conceptos como o de normalización lingüística. Unión del Pueblo Navarro (a marca na zona do Partido Popular) considera que non cabe comezar a falar de normalización lingüística en tanto non haxa normalidade democrática (para entendérmonos, ETA como a eterna excusa) e recóllese, coma decote, nas boas palabras, afirmando apostar pola promoción do vascuence.

O dito. Cando xa pensabamos que a situación legal do galego era para botarse a tremer, atopámonos con realidades aínda máis escandalosas. Para aprofundar información na rede, aconsellamos o artigo publicado por Iulen Urbiola Loiarte na edición dixital do xornal Deia, titulado Idiada, e que trata esta cuestión.

Luns, xornada de resaca

Alén Miño Comentar este artigo »

Luns, 14 de abril de 2008

Pois si, os luns, por veces, son días de resaca, mais especialmente de resaca electoral, ao estar estendido o costume de organizar as citas coas urnas en domingo. É por iso que, alén Miño, son varios os estados do mundo que andan a voltas cos recontos electorais.

En Italia, rachando un pouco o dito, aínda están hoxe de reconto, posto que decidiron alongar a xornada electoral, que comezou onte e que remata hoxe. Son estas unhas eleccións anticipadas causadas pola demisión anticipada de Romano Prodi, e coinciden con eleccións locais e territoriais en boa parte do país. No que toca á presidencia, as enquisas a pé de urna (á hora de redactarmos este artigo aínda non hai datos oficiais) dan unha vitoria pola mínima a quen xa fora presidente, Silvio Berlusconi, fronte a Veltroni, o candidato con máis opcións da esquerda.

Ben lonxe de aquí, no Nepal, tamén están de eleccións, unhas eleccións por demais agardadas, posto que rachan con máis de dous séculos de goberno monárquico, e onde se albisca un período constituínte dunha república federal. Polo de pronto (os datos chegan con lentitude), todo apunta a unha vitoria do Partido Comunista do Nepal (os anteriormente rebeldes maoístas), pero isto podería non ser definitivo dada a complexidade do sistema electoral, que mistura votación directa e indirecta para a elección dunha asemblea con máis de 600 membros.

No continente africano, Quenia vivía dende fai unhas semanas nunha situación de incertidume derivada das eleccións, ao non recoñecer o goberno a vitoria da oposición. Finalmente, houbo acordo de goberno entre as dúas forzas máis votadas, de tal xeito que Mwai Kibaki se manterá como presidente pero coloca como primeiro ministro a Raila Odinga, o líder opositor, buscando así unha estabilidade que certamente estaba en perigo. Agardemos que sexa para ben.

No entando, Zapatero, nomeado presidente en segunda volta, vén de designar ao seu novo goberno. Ao seu estilo, manda titulares sen contido, ao colocar por primeira vez máis mulleres que homes ao fronte dos novos ministerios, ademais de designar á ministra de menor idade da historia (tan só 31 anos). Fóra diso, e tendo en conta que o núcleo duro do goberno repite (De la Vega, Solbes, Rubalcaba ou incluso a polémica ministra de Fomento, Magdalena Álvarez), o máis destacado é a aposta do presidente por un goberno débil, que non conta con apoios de ningunha forza política alén do propio PSOE. Un goberno que, como analiza Xosé Mexuto, será un goberno prístino, non contaminado, mais un goberno en minoría, á fin e ao cabo.

Hai vida alén o 9-M

Alén Miño Comentar este artigo »

Martes, 04 de marzo de 2008

Pois si, aínda que poida parecer o contrario, hai vida alén a actualidade electoral, aínda que podemos quedármonos con esta pero indo un paso aló. Porque esta xornada de hoxe, estes días, están a resultar interesantes electoralmente fóra tamén da actualidade sobre o estado español. E é que hoxe foi un día clave para a Igrexa española, será un día clave para os EEUU, e o domingo foino para outro dos grandes países do planeta: Rusia.

A Igrexa española semella que ultimamente non dá máis que desgustos e pasos atrás, e hoxe confirmouse novamente. Nas eleccións á presidencia da conferencia episcopal, volveu gañar o sector máis duro, o encabezado por outro, lamentabelmente, ilustre galego, Antonio María Rouco Varela.

O inicial empate técnico entre o de Vilalba e o presidente saínte, Ricardo Blázquez, rompeuse nunha segunda votación por tan só dous votos a favor do primeiro. Blázquez, máis moderado, e que mesmo defendeu nas horas previas que a igrexa tiña que deixar de intentar impoñer as súas crenzas, atopouse coa resistencia do sector duro da igrexa e quedará como vicepresidente, por detrás de Rouco, quen ultimamente se ten posto detrás da pancarta para atacar ao goberno do Estado en diferentes ocasións.

Sinceramente, non era grande cousa o que poderiamos agardar dunha institución como a Igrexa, pero dende logo pensamos que os pasos que se están a dar tampouco son, sequera, cara adiante.

En EEUU hoxe escribirase un novo e quizais trascendental capítulo na carreira presidencial. Co bando republicano xa practicamente decidido en favor de McCain, a loita amósase aberta no bando demócrata.  Barack Obama remontou, leva once vitorias consecutivas sobre Hillary Clinton, e unha vitoria contundente hoxe podería deixalo xa practicamente como aspirante á Casa Branca. Haberá que agardar unhas horas para saber que acontece nos catro estados norteamericanos que hoxe celebran votacións.

E mentres, na que noutros tempos fora a potencia opositora aos Estados Unidos, isto é, en Rusia, houbo eleccións este domingo. As eleccións depararon a vitoria contundente de Medvedev, o sucesor do actual presidente Vladimir Putin. Medvedev, que conseguiu máis do sesenta por cento de votos, xa anunciou a súa intención de propor a Putin como primeiro ministro, creando unha sorte de bicefalia no país.

As eleccións foron postas en tea de xuízo polos observadores internacionais presentes, que cren que non foron unhas eleccións totalmente libres, e abren un escenario de certa incerteza por ver quen dos dous, Putin ou Medvedev, leva realmente o peso do novo goberno.

Cambios de goberno

Alén Miño, Está pasando 1 Comentario »

Luns, 25 de febreiro de 2008

Hoxe vén de confirmarse o que xa se anunciaba fai uns días: a situación de Santa Comba deu unha reviravolta. Sete concelleiros/as do PP apoiaron a Miguel Pérez, candidato de IxSC, quen contou ademais para obter o bastón de mando cun dos edís da súa propia formación política.

 Pola contra, e como era de agardar, votaron en contra os dous edís do PSOE (entre eles o ex-alcalde) e dous concelleiros que concorreran na candidatura do propio Miguel Pérez nas eleccións municipais. Para completar o escarnio, non só parte da candidatura do novo alcalde votou en contra, senón tamén María José Ares Casal, unha das concelleiras máis veteranas do propio Partido Popular.

Xa que logo, o escenario en Santa Comba seguirá movido no que resta de mandato, onde ocuparán o goberno a maioría de dous partidos políticos (IxSC e PP) e quedarán na oposición PSOE, TEXA, e parte dos grupos de goberno (dous concelleiros de IxSC e unha do PP) que non apoian ao novo goberno pese a que si o fan os seus partidos políticos. Total, un pouquiño de todo.

 Tamén cambiou, ou non, a situación en Cuba, onde se escolleu como novo Presidente a Raúl Castro, quen sucede a seu irmán Fidel, e deixa inicialmente pechadas as esperanzas dunha transición na illa.

Un día interesante

Alén Miño, Está pasando Comentar este artigo »

Martes, 19 de febreiro de 2008

Hoxe é, de certo, un día bastante completo no informativo, tanto no plano máis próximo como na actualidade do mundo, que vive momentos de certa convulsión. Xa que logo, unha breve reseña de algunhas cousiñas interesantes sobre as que botar un ollo na prensa do día.

Un alcalde fóra de si

Sempre se di que en política as formas son fundamentais, por iso é noticia cando algún perde as formas. O caso de hoxe é bastante significativo, porque non falamos dun calquera.

Xosé Crespo é alcalde de Lalín, un home de peso dentro do Partido Popular e até fai ben pouco presidente da FEGAMP, é dicir, representante da clase política local e do conxunto dos concellos do país. Por iso, por non ser Xosé Crespo un calquera, as súas palabras, nas que fala de meter cartas no cu e chimpar os dentes doutras persoas da clase política, son un claro exemplo do que non deben ser quen nos gobernan.

Onde estará a “Mesa por la libertad lingüística”?

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer públicas arredor de corenta denuncias por discriminación por causa de lingua no noso país. Recóllense, nas denuncias, comentarios do tipo “Burra, no hables lenguas menores” e cousas polo estilo (literais).

En fin, ante este escenario, agardamos a presenza pública da Mesa por la Libertad Lingüística e de Galicia Bilingüe, que xa que din defender que neste noso país se poida falar en calquera das dúas linguas indistintamente, supoñemos que arestora estarán indignadísimos e non tardarán en saír aos medios. Ou quizais non?

Cosova e a resposta española

Falabamos onte da recente proclamación de independencia de Cosova, e de como o mundo semellaba dividido entre quen se propuñan aceptar o voto unánime do parlamento cosovar e quen, caso de Serbia ou Rusia, se opoñen frontalmente.

Neste escenario internacional, sorprende ver a postura española, quen, contrariamente á maioría de países da UE (como Francia, Italia ou Gran Bretaña) manifestou estar en contra da decisión cosovar. Quizais isto se deba, en grande medida, ao feito de estarmos en precampaña e ás relacións - analoxías que moita xente poida querer establecer coas reivindicacións galegas, vascas ou catalás.

De feito, é moi interesante o artigo que hoxe publica Vieiros, no que se recolle a valoración da prensa internacional sobre a postura española, na que semella que medio mundo interpreta o medo do goberno español desa maneira.

É triste que isto sexa así. Para nós polo menos, o voto unánime dun parlamento é unha expresión de democracia; pretender que a decisión de terceiros países poida valer máis que a decisión dun pobo cuestiona moi moito a forma en que, cando menos os antiimperialistas, pensamos que debe rexerxe o mundo.  Por que non deixar que o pobo cosovar decida?

Vaise Fidel Castro

É e vai ser durante os vindeiros días portada en case toda a prensa mundial, así que tempo haberá para abordar causas e consecuencias.

Fidel Castro, despois de medio século no poder en Cuba, anuncia que renuncia á presidencia. Despois de intentos de asasinato e décadas de bloqueo internacional, tanto político como económico, só a súa débil saúde foi quen de apartalo do poder.

Sen dúbida, Cuba será, nos vindeiros anos, un escenario interesante no que se decidan moitas relacións internacionais. Haberá que presentar atención.  

Cosova, na encrucillada

Alén Miño Comentar este artigo »

Luns, 18 de febreiro de 2008

Os balcáns marcaron a unha xeración de cidadáns do mundo, que xantaron e cearon a diario durante anos cunha das primeiras guerras televisadas case en directo. En pouco máis dunha década, o estado de Iugoslavia ficou feito anacos. Na data de hoxe, un dos territorios da antiga Iugoslavia, Cosova, vive un momento crucial para o seu futuro.

Un pouco de historia

Cosova é un pequeno territorio que até agora ven formando parte de Serbia (trala desintegración de Iugoslavia), de algo máis de 10.000 quilómetros cadrados e uns 2.2 millóns de habitantes.

Pese ao dominio serbio, a maioría da poboación cosovar é de orixe albanesa. De feito, durante o mandato de Milosevic, o gobernante serbio procurou aumentar a proporción de cidadanía serbia no territorio e reduciu o nivel de autonomía do territorio, tentando coutar as esperanzas de autogoberno cosovares.

Durante a guerra dos balcáns, Milosevic liderou unha das maiores limpezas étnicas que se recordan, aniquilando moita poboación de orixe albanesa. Rematada a guerra, caído Milosevic, sucedéronse episodios de vinganza, que fixeron que a paz aínda hoxe non sexa unha realidade, e o territorio segue baixo goberno da OTAN, con forte presenza militar.

O que terá que pasar

O parlamento cosovar vén de proclamar, por unanimidade, a súa independencia, feito que non é apoiado por Serbia. Nas rúas, o escenario é de festa, e milleiros de cidadáns desprazáronse á capital para participar dos festexos. Mentras, no escenario político, xógase unha partida de xadrez.

Kostunica, primeiro ministro serbio, vén de calificar o acontecido como a proclamación dun estado falso que viola o dereito internacional, e Rusia está a tentar facer valer a súa posición de forza na orde internacional para que non se recoñeza o novo estado.

Da outra banda, até sete países (entre eles EEUU, Gran Bretaña ou Francia) veñen de respaldar o proceso, e a OTAN vén de sinalar que non permitirá que a forza volva irrumpir na zona.

Nun momento coma este, dende o nacionalismo queremos reivindicar, máis unha vez, o dereito dos pobos a decidir o seu futuro, sen imposicións nen violencia. Se Cosova quere formar un estado (como semella ser trala aprobación da proposta polo voto UNÁNIME do seu parlamento), non debe ser ningún outro país quen decida pola poboación cosovar.

Europa, que Europa?

Alén Miño Comentar este artigo »

Luns, 11 de febreiro de 2008

Vai xa para tres anos que en España se deu un debate sesgado e interesado: o debate sobre o referendo da Constitución Europea. Após eses tres anos e certos reveses, a “construción europea” avanza logo da aprobación en Francia do Tratado de Lisboa, aprobación certamente relevante se temos en conta que foi en grande medida o “non” francés o que paralizou o anterior intento.

O referendo do tratado constitucional serviu en España para moi pouco. A cidadanía non sabía en grande medida que era realmente o que votaba, e certamente o goberno tampouco puxo moito empeño en informar, até tal punto que incorreu nunha situación case delictiva: son os partidos políticos quen teñen que tentar inclinar o voto, nunca os gobernos, mais no caso dese tratado o goberno español investiu moitos fondos en pedir o “si”, pagando anuncios en prensa, contratando ao máis variopinto da sociedade para pedir o voto (por exemplo, Cruyf ou Butragueño), obviando en todo momento a posibilidade dun debate serio e a fondo sobre o tratado constitucional.

A ocasión serviu, entre outras cousas, para criminalizar ao nacionalismo galego, quen, consecuente cos seus principios, defendeu o “non” a un tratado deseñado dende a dereita, coa mirada posta no capital e cunha regulación de dereitos sociais moi nimia.  Sen embargo, fuxindo de debates e razóns, tanto PP como PSOE aproveitaron para dicir que o nacionalismo se opuña a Europa, sen entrar en máis matizacións: ou estás conmigo ou contra min.

Quizais non sexa ao nacionalismo a quen se lle poidan dar leccións neste senso. Moito antes de que existise o PP, moito antes de que se vislumbrase tal proceso, con Europa dividida en dous na segunda grande guerra mundial, o máximo expoñente do nacionalismo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, remataba a súa obra máis importante, o Sempre en Galiza, pedindo a constitución do que el daba en chamar “os Estados unidos de Europa”. O que acontece é que xa el entón, e nós agora, tiñamos moi claro que a construción europea non podía ser a calquera prezo nin facerse de calquera maneira, e dende logo ten que ser unha construción pensada para as persoas e os pobos, baseada na igualdade e na extensión dos dereitos da cidadanía.

Aquel referendo pasou en España sen pena nin gloria, e nin sequera a metade do censo acudiu a votar. O que en calquera democracia minimamente seria invalidaría a votación, aquí non significou nada, posto que o referendo non era vinculante, isto é, o goberno de turno ía poder acabar facendo o que quixera, e de feito xa o tiña decidido de antemán.

Pero, ao contrario que en España, noutros países a situación foi distinta. Houbo algúns que optaron directamente por non preguntarlle á cidadanía, o cal é máis que censurábel: pode aprobarse unha “constitución”, unha norma de carácter fundamental, sen referendo? Onde se produciron os referendos, houbo resultados dispares, pero houbo dous que paralizaron o proceso: os “non” de Holanda, primeiro, e, sobre todo, Francia, estancaron o proceso.

Pero os grandes ideólogos desta nova Europa neoliberal non ficaron contentos. Facendo apaños aquí e aló, deseñaron un novo tratado, o de Lisboa, e desta volta, curáronse en saúde.

O tratado é practicamente de idéntico contido ao que por aquel entón ficou na cuneta, pero desta volta aseguráronse de que saíse adiante. Se o problema estaba en Francia, pois sáltase o problema. O parlamento francés acaba de aprobar, sen consulta cidadá, este novo tratado. Consultar á cidadanía, para que? Para que nos diga que non?

É realmente moi triste a concepción que a clase política internacional ten da democracia. Semella que só lles interesa cando lles da a razón.

Volve o Supermartes

Alén Miño Comentar este artigo »

Luns, 04 de febreiro de 2008

Non, tranquilidade entre a parroquia fiel e a infiel a Piñeiro, cando falamos do supermartes, non nos referimos aquí ao extinto programa da TVG, senón que estamos a falar do día clave de cara á carreira electoral estadounidense. Mañá, 5 de febreiro, dispútanse un grande número de votacións en diferentes estados dos EEUU que deixarán claro, case definitivamente, que dúas persoas, polos bandos republicano e demócrata, optan á presidencia.

Buceamos pola rede e deixámosvos unha escolma de artigos sobre esta cuestión, hoxe en especial centrándonos no portal Rebelión, unha das webs que acolle maior número de artigos de opinión dun sinnúmero de pensadores da esquerda, o anticapitalismo e os movementos sociais.  Unha web moi recomendábel para todas aquelas persoas que queiran obter unha visión do mundo distinta á que nos ofrecen os medios de comunicación tradicionais.

Jorge Majfud, dende a universidade de Georgia, analiza un dos temas centrais no bando demócrata: o primeiro plano que colleron a cuestión racial e de sexo cos dous máximos aspirantes: Barack Obama e Hillary Clinton. O título do seu artigo, moi significativo: Blanco x Negro = Negro

Laura Carlsen, dende o veciño país de México, fala da importancia do voto latino en Nevada, e aborda algunhas outras cousas de interese: a lexitimidade democrática dos “caucus”,  a cuestión racial…

Andrés de Francisco e Francisco Herreros analizan a maior ou menor diferencia que podería haber entre as políticas a desenvolver por Obama ou Hillary, que consideran cativa.  Philippe Nadouce saca unha conclusión semellante.

Vicenç Navarro analiza nun máis que interesante artigo a forma en que os diferentes medios transmiten a información electoral estadounidense, así como a forma en que esta nos chega aquí, a miles de quilómetros de distancia.

Tamén, para rematar, facémonos eco dunha pouco común noticia nisto da política, como é o feito de que María Shriver, muller de Arnold Schwarzenegger (ex-actor e actual gobernador republicano) veña de mostrar o seu apoio a un candidato demócrata, Barack Obama. 

Mañá é o día clave. Á volta del tocará reflexionar no que ha de ser a carreira presidencial, unha vez que fiquen claros os aspirantes.

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in