Os tres monstros do humor, entre nós

Axenda Comentar este artigo »

Luns, 12 de maio de 2008

Esta semana estamos de noraboa: os que quizais sexan os tres mellores contadores do país estarán na bisbarra de Bergantiños nunha semana das letras con espectáculos para todos os gustos. Deixámosvos aquí un aperitivo destas actuacións, animándovos a ir velos e a participar do resto de actividades.

Ler máis… »

As letras galegas, unha festa

Axenda Comentar este artigo »

Mércores, 07 de maio de 2008

Faltan dez días para o día grande das nosas letras, que este ano, por certo, está dedicado a Xosé María Álvarez Blazquez. Este ano, coma todos os demais, non faltarán actos lúdicos e festivos todo ao longo do país para lembrárnolo, e bo é que así sexa. Incluso haberá quen, coma moitos xornais, de forma folclórica usará o galego ese día despois de renegar del todo o ano. Dende aquí, o noso ánimo a facer de todo o ano o ano das letras, e non só do 17 de maio o día das letras.

Non obstante, tamén hai asociacións que traballan de forma sincera pola nosa lingua. Tal é o caso da Asociación Monte Branco, do Couto (Ponteceso), que xa levan varias décadas organizando a semana das letras, que este ano conta ademais cunha páxina web propia, Festiletras. Parabéns para O Couto e a seguir traballando.

Tamén fan un traballo coherente dende a Asociación de Veciños A Cutareira, da Laracha, que están a mobilizar para a manifestación polo dereito a vivirmos en galego que terá lugar o vindeiro día 18 de maio, e tamén organizaron un acto para nenos e nenas para este venres, ás cinco e media da tarde, na aula da Caixa Galicia da Laracha, acto ao que convidan a asistir a todo o mundo.

Polo demais, coma decote, a maioría de concellos organiza diversas actividades nestas datas. Entre os que xa as presentaron están o de Laxe ou o de Carballo.

O dito, a facer de todo o ano o ano das letras, non só este día. E o día 18, todo o mundo a Santiago de Compostela, polo dereito a vivirmos en galego.

O galego, lingua universal

Axenda 1 Comentario »

Domingo, 20 de abril de 2008

Faltan catro semanas para a manifestación que, baixo convocatoria da Mesa pola Normalización Lingüística, percorrerá as rúas de Compostela baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego!”. Por iso, hoxe é unha data tan boa como calquera outra para reivindicar a universalidade e validez da nosa lingua, e que a nosa tamén é unha lingua de encontro. Na inauguración da semana do libro de Carballo puidemos ollar un grupo multicultural, con dous bielorrusos, un ucraniano e dous galegos, que sendo o cantante bielorruso, se dirixiu con toda normalidade en galego ao auditorio, e mesmo cantou en diferentes linguas (castelán, ruso, e un brasileiro que os galegos e galegas entendemos perfectamente porque esa tamén é, de certo, a nosa lingua).

Este exemplo non é único, porque fai unhas semanas Oskorri, grupo de folk chegado de Euskadi, sorprendeu ao auditorio dirixíndose e presentando en galego con toda normalidade. Para quen ven, pois, nas linguas, fronteiras, que saiban que son eles e as súas propias autolimitacións as que poñen fronteiras ao entendemento, nunca os idiomas.

Porén, xa sabemos que na Galiza tamén hai quen anceia outro futuro, quen gustaría que o galego non gozase das mil primaveras máis que reclamaba Álvaro Cunqueiro, e quen ollaría con bos ollos un escenario no que o galego deixase de ser “un estorbo”.

O sempre xenial Castelao dixo unha vez que a diferencia de culturas e linguas é o que nos diferencia e fai superiores aos animais. Non obstante, como el dicía, segue habendo quen pensa que o galego é un bo idioma para “falar coas vacas” e cre que o futuro está na linguaxe universal. Que non? Escoitade.

O dito, a por outras mil primaveras máis. Na escola, na xustiza, na rúa, no centro médico, a nosa é unha lingua válida e útil. Polo dereito a vivirmos na nosa lingua, este 18 de maio queremos verte en Santiago de Compostela.

Un mar de libros

Axenda Comentar este artigo »

Sábado, 19 de abril de 2008

Mañá domingo inaugúrase en Carballo unha nova edición da “Semana do libro e a lectura”, que organizan a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, a Concellaría de Cultura do Concello de Carballo e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). 

Desta volta, as Semanas do libro e a lectura propoñen unha viaxe polo fascinante mundo dos mares, seguindo a estela da Feira do Libro de Pontevedra, que escolleu tamén esta temática para a edición do presente ano.

O programa completo pode consultarse na web do Concello de Carballo, e comprende innumerábeis actividades para todas as idades.

Mañá será a inauguración, ás 12.30 da mañá, e contará, para alén das intervencións das autoridades, con teatro musical para nenos e nenas a cargo da compañía “Stranniki”, e coa actuación do grupo de teatro do CEIP Fogar de Carballo que presenta “O Atlántico e Rosalía”.

A semana do libro e a lectura oferta exposicións permanentes de ilustradores/as de libros, de materiais elaborados por alumnado e exposicións de libros, sobre todo literatura infantil. Todos os días da semana, ademais, ás 18.30 horas haberá actividades abertas ao público, con contacontos, ilustradores/as e outras actividades nun ambiente rodeado de libros.

Ademais, todas as tardes se desenvolverán actividades específicas para o profesorado, haberá unha xornada (martes á tarde) para as familias (destinado á promoción das actividades de animación á lectura na casa) e moitos colexios acudirán a actividades propias deseñadas para eles.

En fin, unha aposta pola lectura, por difundir entre a nosa sociedade un hábito tan positivo como devaluado nos últimos tempos. Longa vida, pois, a estas xornadas, e que todas as persoas, maiores e nenos, se animen a participar.

As Encrobas, a ceo aberto

Axenda, É historia Comentar este artigo »

Mércores, 16 de abril de 2008

Mañá, xoves, a partir das 20.00 horas, proxéctase no Pazo da Cultura de Carballo o documental “As Encrobas: a ceo aberto”, producido por Bocixa, líder do grupo Zënzar, que repasa os feitos acaecidos a mediados da década dos 70 cando Fenosa pretendeu instalarse nesta parroquia da vila de Cerceda. Consideramos que o filme ten moito interese, e por iso vos convidamos a velo. En todo caso, para quen non queira ou non poida vir velo, deixámosvos este aperitivo.

A historia das Encrobas comeza a escribirse no ano 1974, cando o Consello de Ministro que dirixía Francisco Franco acordou a expropiación de 850 hectáreas de terreo na parroquia das Encrobas en beneficio de Unión Fenosa, que buscaba a explotación dos xacementos de lignito que alí existían, no lugar onde acabaría instalándose a central térmica de Meirama.

Pero a loita veciñal non se fixo agardar, en grande medida polos baixos prezos que ofrecía pagar a compañía aos propietarios/as dos terreos.  A loita tivo momentos épicos, como a manifestación de agosto de 1976 na Coruña, onde a case 400 labregos/as da zona se uniron solidariamente miles de veciños/as da Coruña xuntando máis de cinco mil persoas, rematando todo cunha carga policial.

A data clave, non obstante, foi a do 15 de febreiro de 1977, cando varios centos de gardas civís acudiron á zona para cumprir co trámite da expropiación. Pero para cando chegaron, estábanos agardando centos de homes e mulleres, na súa maioría de idade anciá, que se negaron a abandonar as súas terras, baixo o lema “A terra é nosa, e non de Fenosa”.

Os feitos das Encrobas provocaron innumerábeis mostras de apoio ao longo do país, e xunto ás loitas de Xove e Baldaio constitúen algúns dos máis importantes capítulos da historia galega daqueles tempos.

As tres loitas citadas e outras, mais fundamentalmente a que tivo lugar en Cerceda, deron sona por todo o país a Moncho Valcarce, coñecido dende entón e para sempre como “o cura das Encrobas”. Aínda que era sacerdote, nunca o foi destas terras cercedenses, mais o nome quedoulle a raíz da revolta.

Moncho Valcarce sumou á súa profesión de relixión un descoñecido (cando menos nese gremio) compromiso humano co seu tempo. Foi líder do sindicato nacionalista Comisións Labregas, que encabezou as loitas, e o seu liderado foi clave. A empresa acabou por aceptar negociar cos labregos/as, e o acordo final foi moito máis beneficioso.

Os sucesos das Encrobas mereceron, no seu trinta aniversario, unha detida reportaxe do xornal Vieiros, reportaxe á que recomendamos unha ollada.

Curros, cen anos despois

Axenda Comentar este artigo »

Luns, 07 de abril de 2008

Fai hoxe cen anos e un mes do pasamento de Manuel Curros Enríquez, un dos tres grandes autores do rexurdir da literatura galega no paso dos séculos XIX ao XX. Con motivo deste centenario, serán numerosos e variados os actos que se desenvolverán ao longo do país.

O pasado sábado o Concello da Coruña rememorou o cortexo fúnebre que, á súa morte, lle brindou a vila coruñesa, nun acto no que estiveron presentes un bo número de autoridades, tanto gubernativas como do ensino ou a cultura, así como unha ampla comitiva cidadá.

Este venres vindeiro, 11 de marzo, a Asociación Cultural Lumieira, de Carballo, organiza unha conferencia sobre o autor de Celanova que correrá a cargo do ex-deputado Francisco Rodríguez, quen vén de estudar a súa figura (xa tiña traballado con anterioridade a vida e obra de Rosalía de Castro), e que conversará sobre este autor con quen así o desexe. A conferencia e posterior coloquio terán lugar a partir das 20.30 horas  no Casino de Carballo.

Unha nova cita co libro

Axenda Comentar este artigo »

Luns, 24 de marzo de 2008

Fai xa algúns meses que o Concello de Carballo ten posto a andar unha interesante iniciativa e que non fora obxecto de comento nesta web. Falamos de literactúa, unha actividade que consiste en que cada mes se propón a lectura dun libro, e o último mércores de mes o autor do libro proposto participa nun encontro con aquelas persoas que lles apeteza conversar sobre o libro en concreto ou sobre a literatura en xeral. 

 A iniciativa é interesante por varios motivos, non só por promover un san exercicio como é a lectura, senón por pretender sacalo dos tradicionais espazos e levalo a lugares máis comúns ou máis frecuentados, como son os locais de hostelaría. Igualmente, porque permiten outro relación, máis directa, máis persoal, co mundo do libro, que colle así outra nova vida, permitíndonos coñecelo máis a fondo.

Para este mes a obra recomendada é Os ollos de K, de Antón Riveiro Coello, e o encontro co autor será este mércores, ás 20.30 horas, na Taberna-Café O Patacón. Antes, xa pasaron por Carballo Iolanda Zúñiga, Anxos Sumai, Carlos Meixide, Manuel Rivas, Séchu Sende, María Reimóndez, Suso de Toro, Uxía Casal, Francisco Castro, Teresa Moure e Diego Ameixeiras.

As propostas, por certo, son por trimestres. Este é o último libro dos tres propostos para o comezo de ano. Quen non chegarades a tempo, estade atentos/as porque en breve se coñecerán os títulos para o segundo trimestre do ano. Botádelle un ollo aos libros, e a literactuar.

Panxea 2008

Axenda Comentar este artigo »

Venres, 14 de marzo de 2008

O pasado ano o Concello de Carballo puxo en marcha un proxecto novedoso, solidario, cultural e internacionalista: naceu Panxea. Co obxectivo de unir a través da diversidade cultural, en idénticas datas (coincidindo coa festividade de Semana Santa) tivo lugar este primeiro evento no aparcamento do Pazo da Cultura.

Panxea 2008 nace co obxectivo de consolidar un proxecto que sitúe a Carballo como referente máis aló das fronteiras da comarca, cun programa variado, con música de diversas orixes (Uruguay, Cuba, Euskadi…), con feira de asociacións, con espazo para o comercio xusto, con espectáculos de rúa… en fin, unha oferta variada e multicultural.

Panxea 2008 é unha alternativa diferente, atraínte, e sobre todo novidosa no escenario da comarca de Bergantiños. Poucos espectáculos, poucas ofertas de ocio, terán nacido con tan boas pretensións.

Longa vida, pois, a este festival Panxea que, entre os días 20 e 22 de marzo, terá lugar no aparcamento anexo ao Centro Comercial Bergantiños Haley, cun convite a coñecer mundo (desta volta, en especial, sudamérica) sen saírmos de aquí.  

Por certo que Panxea volve coincidir no tempo con outra actividade ben interesante e senlleira xa na historia da Costa da Morte como é a Mostra do Encaixe de Camariñas. Dende aquí, por suposto, convidamos tamén a visitar ese fantástico evento. Ambas dúas actividades constitúen, de certo, unha oferta ben interesante para esta ponte festiva.

panxea_08.png

Axenda

Axenda Comentar este artigo »

Venres, 18 de xaneiro de 2008

Nesta primeira fin de semana de existencia do blog, apuntamos na axenda colectiva algúns concertos e eventos que terán lugar na nosa bisbarra estes días.

Así, a sala carballesa La Reserva, tan habitualmente proporcionando espectáculos de música ao vivo, achéganos hoxe venres dúas bandas de rock ‘n’ roll que están a nacer na Galiza, Los Crueles (A Coruña) e The Passadenas (Pontevedra). Mañá sábado subirá ao escenario o grupo de hip - hop Duque Sam, que chega dende O Porriño.

A sala Los Ochenta, pola súa banda, segue tamén a ofrecer música, e entre outras actuacións dará cabida hoxe á presenza de Grito Negro, grupo que chanta as súas orixes na vila de Malpica de Bergantiños.

Mentras, un carballés de éxito, o monologuista Rober Bodegas actuará mañá na Coruña, no local La Oficina.

O pub D’Anton, da Laracha, adianta tamén que en breve (o 2 de febreiro) terá un novo concerto dentro da rede de música ao vivo, desta volta coa actuación de Le Punk.

Noutro sentido totalmente distinto, o Concello de Carballo vén de presentar a programación dos Venres Culturais, que se espallará nos vindeiros meses e que da cabida ás máis diversas actividades:  teatro (coa presenza de Pistacatro ou Teatro do Morcego),  música, maxia…
Sinalar a posta en marcha de Docespop, que incluirá varios concertos de música pop nos vindeiros meses, e a proxección de diversos documentais, entre eles, podemos destacar “As encrobas: a ceo aberto”, video documental de recente creación e que rememora os sucesos acontecidos en Cerceda a mediados dos anos 70, documental que aventuramos será de moito interese.

Tamén, en colaboración co Concello de Carballo, a Asociación Cultural Lumieira trae a Carballo ao ciclista Óscar Pereiro, único galego gañador do Tour de Francia, quen estará no Pazo da Cultura nun acto aberto o vindeiro día 28.

O Concello de Carballo oferta tamén, no Pazo da Cultura e até marzo, a exposición “O mar nos fondos da colección Caixa Galicia”, exposición que recolle a obra pictórica e escultórica dos máis salientábeis artistas galegos deste último século, tendo como fío e denominador común as referencias ao mar.

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in