Xoves, 01 de maio de 2008
Afeitos/as como estamos a ver o calendario tinguido de días laborábeis ou festivos sen grande xustificación (por exemplo, nun estado aconfesional como di ser o noso, máis da metade dos festivos sono por causas relixiosas), para a maior parte da cidadanía o primeiro de maio non ten máis significado que iso, ser un día non laborábel.
É paradoxal, porque se trata do día da clase traballadora, isto é, o día, por así dicilo, da inmensa maioría da cidadanía galega. Somos moitas as persoas que consideramos que o día primeiro de maio é preciso seguir saíndo á rúa, que manifestamos que aínda hai moito polo que loitar, e na Galiza como en ningures. Estes días, por exemplo, barrúntanse regulacións de empresa en BBVA, FADESA ou Santa Bárbara, por poñer só algúns exemplos significativos. Exemplos de que para a grande empresa contan os beneficios e non as persoas, se hai rendemento, ben, senón, paga o pato o cadro de persoal. Por iso segue a ser fundamental a unidade da clase traballadora.
O 1º de maio foi establecido como día da clase obreira na Segunda Internacional do Congreso Socialista Obreiro, que tivo lugar en París no ano 1889, e hoxe esta data é recoñecida e sinalada na maior parte dos países da “cultura occidental”, coas salvedades de Andorra, Reino Unido e Estados Unidos.
Sintomático é o caso norteamericano, porque alí tiveron lugar os feitos que deron lugar á escolla desta data como día da clase obreira. No contexto da revolución industrial, a cidade de Chicago comezou a recoller inmensas bolsas de poboación que dende diferentes zonas acudían a traballar na industria en pésimas condicións. Por exemplo, a lexislación da altura permitía xornadas laborais de entre 14 e 18 horas.
O 1º de maio de 1886 máis de 200.000 traballadores/as secundaron unha folga xeral, que contaba entre as súas reivindicacións fundamentais a xornada laboral de oito horas (baixo o argumento: oito horas para o traballo, oito horas para durmir, oito horas para a casa). En Chicago, onde as condicións de traballo eran aínda moito peores que no resto de EEUU, a folga continuou nos dous días seguintes, con enfrontamentos coa policía que derivaron na morte de 6 persoas e outras moitas feridas, ademais de producirse o axustizamento dos chamados “Mártires de Chicago”, sindicalistas anarquistas acusados de participar nos movementos obreiros.
O redactor do “Diario dos Traballadores” escribiría unhas liñas que logo acabarían por causarlle a morte na forca, pero que deben ficar na memoria colectiva:
Traballadores: a guerra de clases comezou. Onte, fronte á fábrica McCormik, fusilouse ós obreiros. ¡O seu sangue pide vinganza! ¿Quen poderá dubidar xa que os chacais que nos gobernan están ávidos de sangue traballador? Pero os traballadores non son un rabaño de años. ¡Ó terror branco respondamos co terror vermello! É preferible a morte que a miseria. Se se fusila ós traballadores, respondamos de tal xeito que os amos recórdeno por moito tempo. É a necesidade o que nos fai gritar: ¡Ás armas!. Onte, as mulleres e os fillos dos pobres choraban aos seus maridos e aos seus pais fusilados, en tanto que nos palacios dos ricos enchíanse vasos de viño custosos e bebíase á saúde dos bandidos da orde… ¡Secade as vosas bágoas, os que sufrides! ¡Tede coraxe, escravos! ¡Levantádevos!. ![]()
A guerra de clases comezou. Unha frase para a historia. A proclama finalizaba convocando un acto de protesta que daría lugar á coñecida como Revolta de Haymarket.



Comentarios Recentes