Mércores, 14 de maio de 2008
Ramón Varela, alcalde de Malpica de Bergantiños, quizais sexa unha das persoas máis idóneas da actualidade para explicar a teoría da relatividade, ou, índomos ao caso concreto, como un papel pode circular de Malpica de Bergantiños á Coruña en apenas dous días, e como outro papel, en principio de semellantes características, tarda un mes en chegar a Madrid, se é que chegou. Poida que as comunicacións coa capital do Estado non estean no seu mellor momento, ou pode que o servizo de correos atope unha fronteira natural nalgún punto entre A Coruña e Madrid, non o sabemos.
A localidade oleira de Buño está de noraboa. O Consello de Ministros/as vén de anunciar os premios das belas artes 2007, que buscan premiar a difusión da arte e a cultura, e entre a listaxe aparece a oleiría de Buño, no seu conxunto.
Dende esta modesta tribuna dar os parabéns á toda a xente de Buño que durante tantos anos vén conservando e mantendo viva tan nobre arte. Na listaxe aparecen ademais outros dous premios con raíces galegas: a cantante Luz Casal e o deseñador Roberto Verino.
Algo se debe estar a facer ben na Costa da Morte, porque xusto o día antes (isto é, o xoves) tamén se entregaban en Carballo os diplomas de calidade turística a vinte e nove establecementos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, entre os que se atopaban os Baños Vellos ou o Pazo do Souto.
Martes, 06 de maio de 2008
Dúas vilas afastadas, Lugo e Malpica de Bergantiños, ofrécennos hoxe boa mostra da forma que teñen de facer política os/as “socialistas” galegos/as. Unha política incoherente, rozando a hipocresía en moitas ocasións, abertamente criticábel os máis dos casos (véxase, por exemplo, a disparidade no voto de cargos socialistas sobre a moción do PP contra as normas do hábitat, normas que o seu secretario xeral e presidente da Xunta aprobou non hai moito).
En Lugo, Clemente López Orozco, representa xunto ao actual alcalde de Ames a ofensiva antinacionalista. Orozco gobernou fai dous mandatos co BNG, no pasado fíxoo só con maioría absoluta, e desta volta, tras perder a maioría, preferiu un goberno en minoría a un pacto co BNG.
No entanto, moitos líderes do PSOE non acaban da asumir o significado dun goberno en minoría e a práctica do diálogo que iso debera conlevar. Como se dixo, hoxe Lugo e Malpica de Bergantiños ofrecen bos exemplos.
En Lugo, no período 1999-2003, época de pacto PSOE-BNG, acordouse a elección democrática dos/das representantes parroquiais, e levouse a efecto. Isto, por exemplo, tamén está previsto en Carballo, onde xa existe o regulamento de participación cidadá e será unha concelleira socialista a encargada de poñelo en marcha neste mandato.
Pero Clemente López Orozco di que nones. Di que “aínda que sexa un acordo maioritario non me sinto obrigado a cumprilo”, polo cal manifesta que vai nomear as pedanías a dedo. Así entenden eles a dedocracia… quixemos dicir a democracia.
En Malpica de Bergantiños o alcalde quere gañar con xogadiñas o que non lle deron as urnas. Fuxindo tamén dun pacto co BNG, optou por un goberno minoritario cun amigo insuficiente. Pero Ramón Varela tampouco comprende en demasía o que significa un goberno en minoría.
Isto leva a que moitos dos grandes proxectos queden na lista de espera por non se debater en tempo e forma, ou directamente por non os querer debater. Tal foi o caso da solicitude dunha escola taller, e tal é o caso dos orzamentos municipais, documento fundamental de xestión que en Malpica segue pendente de debate e aprobación.
Pero, aproveitando unha conxuntura concreta, Ramón Varela quere conseguir o que en boa lei non podería. A dimisión de Emma Abella, concelleira do BNG, implicaba un trámite que, no pasado, se ten solventado dun pleno para outro (hai uns meses unha concelleira do PSOE dimitiu nun pleno e, no seguinte, xa tomou posesión o seu substituto, isto é, o PSOE tivo cinco votos en todos os plenos, a pesar do cambio). Porén, co caso BNG, a “celeridade” da xestión municipal pode facer que isto non sexa así, posto que a dous días do pleno, a xestión da burocracia municipal por parte do alcalde pon en cuestión que o terceiro da lista nacionalista, Francisco Gorín, poida tomar posesión no pleno deste xoves e polo tanto votar.
Isto ten unha relevancia ben grande, que é coñecida e quen sabe se aproveitada polo alcalde. Nun pleno ordinario, os votos do goberno (PSOE e Alfredo Cañizo) suman seis, mentres que os da oposición suman sete. Cun voto menos na oposición, prodúcese un empate, e decide o voto de calidade do alcalde.
Polo si ou polo non, casualidades da vida, xusto nesta conxuntura, ao alcalde acórdalle (seica nin o tiña comentado coa oposición) levar ao pleno a aprobación do orzamento municipal que inclúe, entre outras cousas, unha subida do seu salario. Será, de certo, casualidade?
Mércores, 30 de abril de 2008
Segundo os clásicos manuais e dicionarios, a democracia viña a significar algo así como o goberno do pobo, e é un concepto que sempre se entendeu ligado á participación cidadá, aínda que fose no seu concepto máis cativo de exercicio do dereito a voto (para nós, dende logo, ten que ir moito máis aló).
No entanto, as xentes que están a construír a “nova Europa” e que presumen de democracia mundo adiante, semella quereren reiventar tamén aquel concepto. A anterior proposta de Tratado Constitucional Europeo fora aprobada en moitos países sen consulta cidadá, e noutros fíxose cun debate nulo, caso español. Alí onde houbo participación e debate, o proxecto recibiu varapaus que fixeron tambalear e caer o proceso, cos casos significativos de Francia e Holanda.
Máis os “gurús” da nova democracia europea non ceden no seu empeño de facernos crer que precisamos unha constitución nova, e vánnola impoñer polo si ou polo non. Tralo paso atrás provocado por Francia e Holanda, a UE aprobou un novo acordo, o Tratado de Lisboa, que viña recoller, no fundamental, a proposta do tratado constitucional anterior.
Agora, iso si, para evitar disgustos, retiraron a palabra á cidadanía, e fuxiuse de convocar referendos. Para que?, pensarían eles. Así, máis dunha ducia de países xa ratificaron ese acordo por vía parlamentar, sen consulta cidadá de ningún tipo. Entre os países ratificadores destaca, quizais pola celeridade, o caso de Francia, que despois de ter organizado un referendo no que gañou o “non”, aproba por vía parlamentar o contrario, nunha clara mostra de desprezo á cidadanía e á democracia.
Con este escenario, só un país ten programado referendo. Trátase de Irlanda, onde a cita coas urnas está programada para este 12 de xuño. Aínda así, fronte ao debate, segue habendo quen quere meter máis medo que argumentos. O primeiro ministro Bertie Ahern declaraba que unha hipotética vitoria do non tería repercusións para o seu país e cualificaba esta hipótese como un desastre.
Quizais todo isto teña a ver con que o tratado precisa da unanimidade dos países membros, e se Irlanda di que non, o tratado ficará paralizado. Neste escenario, as últimas enquisas fan tremer á clase política irlandesa, posto que o si conta a día de hoxe con pouco máis dun 30% de apoios (segundo as enquisas), unha cifra moi semellante á de persoas que afirman que votarán non, mentras que case unha cifra parella manifesta non ter claro o sentido do seu voto.
A reflexión, o verdadeiramente importante, é ver o triste que resulta que en vez de argumentos se queira poñer medo, que de todos os “países democráticos” da UE só un se atreva a organizar unha consulta popular, e que non preocupe o máis mínimo o que opine a cidadanía porque a clase política xa sabe cara onde quere ir e vano facer igual.
Domingo, 27 de abril de 2008
“As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:
- Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
- Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
- Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
- Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós. “
Até aquí o manifesto que A Mesa pola Normalización Lingüística editou para a convocatoria de manifestación do vindeiro 18 de maio baixo o lema que dá título a esta entrada do blogue. Dende aquí subscribimos unha por unha cada unha das súas liñas e animamos a respaldar esa convocatoria, así como a apoiar o manifesto a toda a cidadanía galega, manifesto que xa conta co apoio de máis de medio cento de colectivos de todo o país, e que serán máis de aquí ao día 18.
O compromiso coa lingua ten que ser cousa de todos e todas. Contamos contigo!
Xoves, 17 de abril de 2008
Supoño que xa coñecerán a historia recente de Corcubión, no plano político, pero por se acaso facemos un resumo rápido. Rafa Mouzo foi alcalde dende 1979 até 2003 de forma ininterrompida, polo BNG dende a súa fundación. No 2003 perdeu a maioría absoluta, pero prevíase que mantería o bastón de mando en virtude do acordo nacional BNG-PSdeG. Porén, os concelleiros socialistas racharon o pacto e apoiaron ao candidato independente do AVIC, e cambiou o dono do bastón. Catro anos despois, os noutrora independentes participaron das eleccións na candidatura socialista, pero non conseguiron a maioría suficiente, e apenas gañaron as eleccións por unha ducia de votos, insuficientes para gobernar. Neste escenario, Rafa Mouzo e o BNG, cos mesmos edís que o PSdeG, voltaron ao poder co apoio da única concelleira do PP.
Até aquí era o sabido. Tamén era sabido que Rafa Mouzo anunciou a súa retirada por motivos de saúde, co cal todo facía prever que Óscar Ínsua, segundo do BNG, ocuparía a alcaldía, converténdose no alcalde máis novo do país. Pero mira por onde que a concelleira do PP di que o que había até entón non vale, e que faltando Rafa a alcaldía tiña que ser para ela (a única concelleira do PP).
Onte tivo lugar, pois, o pleno onde se tiña que escoller novo alcalde ou alcaldesa. E como se prevía, foi un diálogo de xordos. Todos os partidos votaron ao seu candidato ou candidata, co cal o novo alcalde é Francisco Javier Lema, outrora candidato do AVIC e desta volta líder do PSdeG.
É curioso. Fai uns días Alberto Sueiro, portavoz do PP de Carballo, botoulle en cara a José Antonio Viña, do PSOE, estar de alcalde (aínda que fose accidentalmente) sendo o líder da forza menos votada de Carballo. Sería bo que lle transmitise a mesma mensaxe á súa compañeira de partido en Corcubión, que sendo a única concelleira do PP, tamén quería ser alcaldesa. Cousas da vida.
En todo caso, os monólogos cruzados de Corcubión depararán aínda máis capítulos, non teñan dúbida. O alcalde socialista non ten maioría suficiente para aprobar nada no pleno, e necesita dunha das outras dúas forzas políticas. A día de hoxe, hai cinco concelleiros/as con dedicación exclusiva en Corcubión, curiosamente todos/as eles/as na oposición.
En fin. Cabe, dunha vez por todas, facer unha chamada ao sentidiño común en Corcubión. Fai xa tempo que se fala dunha división en dous da vila, e os feitos non parecen ir no camiño de solucionar nada. Tempo ao tempo.
Martes, 15 de abril de 2008
Se algo cambiou dende xuño de 2005, coa chegada ao goberno galego do bipartito, foron as políticas destinadas á mocidade. Rubén Cela, novo director xeral de xuventude, departamento agora inscrito dentro da área de Vicepresidencia (Anxo Quintana, BNG) ten mudado radicalmente as políticas destinadas á xente nova do país.
Boa mostra delo é o certame GzCrea, que vén de presentar a súa edición de 2008. GzCrea é unha aposta pola mocidade creadora en todas as súas facetas, dende as máis tradicionais como o relato, a poesía ou as artes plásticas, até as máis innovadoras, como o graffiti, a videocreación ou a banda deseñada. GzCrea é un certame que repite co ánimo de dar a coñecer á mocidade creadora (pódese participar até os 30 anos), e por iso os premios non só son en metálico, senón que é tanto máis importante a súa posterior difusión a través dos medios de promoción da propia dirección xeral, como o seu xornal Infoxove (que, por certo, calquera pode recibir de balde no seu domicilio con só solicitalo).
A Dirección Xeral de Xuventude ten aberto, ademais, dende fai tempo un portal de internet no que pode accederse a boa parte dos contidos que poden recabar o interese da mocidade: emprego, asociacionismo, vivenda…
Outra das iniciativas innovadoras e rompedoras coas anteriores políticas foi a posta en marcha dos centros de información afectivo-sexual, Quérote. Tanto nos centros xa abertos (Santiago de Compostela e Lugo, con outros cinco en previsión) como na súa páxina web, pódense expor e solucionar todas as consultas que teñan a ver coa sexualidade. A información é, como non, o camiño.
Martes, 1 de abril de 2008
A loita por vivirmos na nosa lingua na nosa terra é unha batalla que xa presumiamos que sería custosa, pois sempre houbo moita xente interesada no contrario. Porén, chegamos a confiar, acreditar en que a chegada dos tempos novos, da democracia, faría disto un proceso máis sinxelo e natural.
Sen embargo, a democracia tamén ten as súas trampas, e a lingua é vítima delas. No país somos xa expertos en numerosa lexislación que non se cumpre. O caso de Paco Vázquez co topónimo é quizais o máis representantivo, pero seguramente non o máis grave. En materia de ensino, o incumprimento da lexislación foi unha constante durante os gobernos do PP, e na actualidade a realidade aínda está lonxe de mellorar.
Coa aprobación dun novo decreto sobre o galego no ensino, estivo a piques de conseguirse a unanimidade, a “pax social”, até que a última hora, o propio PP se tirou atrás despois de ter pactado os contidos. Aínda así, o decreto foi aprobado, pero máis unha vez, numerosos colectivos, entre eles recentemente Nova Escola Galega, veñen denunciando que a lexislación é pouco máis que papel mollado, porque o regulado non se cumpre e a administración educativa, en mans do PSOE, pouco ou nada fai porque se cumpra.
Neste escenario, A Mesa pola Normalización Lingüística convoca para este 18 de maio unha nova manifestación a prol da lingua, manifestación que dende aquí apoiamos e agardamos que sexa multitudinaria.
No entanto, os tímidos avances para o galego teñen xerado xa unha violenta contestación dende diversos sectores sociais e mediáticos que chaman á rebelión contra unha suposta imposición do galego. Tendo en conta o absurdo de considerar o feito como unha imposición, xa que o galego é a nosa lingua, polo cal sería en todo caso unha autoimposición, non é menos certo que toda regulación (sexa lei, decreto…) impón e ordena, sen que por iso deixe de ser lóxica.
A “rebelión” comezou coa plataforma Galicia Bilingüe, e estase a estender nos medios de comunicación, con artigos en teoría de opinión, pero que teñen moito de mobilizadores e axitadores, e non son para nada inocentes. Como mostras, o artigo de María Mata Moretón en El País (supostamente un xornal “progre”, mira ti) falando de adoutrinamento, ou supostos estudos nada casuais, como o publicado por La Razón sobre unha suposta fuga de fichaxes nas empresas. Este mesmo xornal e outras xa tiñan iniciado ofensivas contra o euskera, por exemplo, e parecen dispostos a dar unha batalla de longo percorrido tamén contra o galego.
O dito, quen anhelamos poder vivirmos na nosa lingua na nosa terra semella que teremos que traballar e reclamar día a día os nosos dereitos. Pois así será.




Comentarios Recentes