O nacionalismo pode e debe gañar a batalla das ideas. Non tendo do seu lado grandes medios de comunicación nin aparellos de propaganda, nin grandes empresas que o apoien economicamente, a evidencia do acerto dos seus postulados terá de facer posíbel o avanzo do nacionalismo como opción máis positiva para este noso país. O “baby-boom” e o debate que estes días se está a dar, sobre todo en Carballo, arredor da problemática da escolarización infantil constitúen un claro exemplo do acertado das políticas deseñadas polo BNG.
Se falamos de convocatoria vía SMS para manifestarse diante das sedes do PP, a todo o mundo lle vén á cabeza marzo do 2004 e os feitos que levaron a Zapatero á Moncloa. Mais non, por incríbel que parecer, a propia base social do Partido Popular autoconvocouse para pedir que rodaran cabezas no seu propio partido político.
Mércores, 21 de abril de 2008
Unha das peores cousas que, en grande parte, aínda perviven na política é a hipocresía. Na época do “talante” e do discurso politicamente correcto, abunda, sobre todo dentro do partido socialista, unha dobre vara de medir, segundo se trate de falar en público ou de actuar. Hai quen, directamente, sobe ao estrado sabendo que o que di non o vai cumprir. Iso é lamentábel.
Martes, 20 de maio de 2008
Hai formas e formas de entender a liberdade de expresión, e a “parroquia popular” ten o seu xeito particular. Un modelo que xa teñen contrastado, por exemplo, na Laracha, queren imitalo agora tamén no veciño concello de Coristanco.

Mércores, 14 de maio de 2008
Ramón Varela, alcalde de Malpica de Bergantiños, quizais sexa unha das persoas máis idóneas da actualidade para explicar a teoría da relatividade, ou, índomos ao caso concreto, como un papel pode circular de Malpica de Bergantiños á Coruña en apenas dous días, e como outro papel, en principio de semellantes características, tarda un mes en chegar a Madrid, se é que chegou. Poida que as comunicacións coa capital do Estado non estean no seu mellor momento, ou pode que o servizo de correos atope unha fronteira natural nalgún punto entre A Coruña e Madrid, non o sabemos.
A localidade oleira de Buño está de noraboa. O Consello de Ministros/as vén de anunciar os premios das belas artes 2007, que buscan premiar a difusión da arte e a cultura, e entre a listaxe aparece a oleiría de Buño, no seu conxunto.
Dende esta modesta tribuna dar os parabéns á toda a xente de Buño que durante tantos anos vén conservando e mantendo viva tan nobre arte. Na listaxe aparecen ademais outros dous premios con raíces galegas: a cantante Luz Casal e o deseñador Roberto Verino.
Algo se debe estar a facer ben na Costa da Morte, porque xusto o día antes (isto é, o xoves) tamén se entregaban en Carballo os diplomas de calidade turística a vinte e nove establecementos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, entre os que se atopaban os Baños Vellos ou o Pazo do Souto.
Martes, 06 de maio de 2008
Dúas vilas afastadas, Lugo e Malpica de Bergantiños, ofrécennos hoxe boa mostra da forma que teñen de facer política os/as “socialistas” galegos/as. Unha política incoherente, rozando a hipocresía en moitas ocasións, abertamente criticábel os máis dos casos (véxase, por exemplo, a disparidade no voto de cargos socialistas sobre a moción do PP contra as normas do hábitat, normas que o seu secretario xeral e presidente da Xunta aprobou non hai moito).
En Lugo, Clemente López Orozco, representa xunto ao actual alcalde de Ames a ofensiva antinacionalista. Orozco gobernou fai dous mandatos co BNG, no pasado fíxoo só con maioría absoluta, e desta volta, tras perder a maioría, preferiu un goberno en minoría a un pacto co BNG.
No entanto, moitos líderes do PSOE non acaban da asumir o significado dun goberno en minoría e a práctica do diálogo que iso debera conlevar. Como se dixo, hoxe Lugo e Malpica de Bergantiños ofrecen bos exemplos.
En Lugo, no período 1999-2003, época de pacto PSOE-BNG, acordouse a elección democrática dos/das representantes parroquiais, e levouse a efecto. Isto, por exemplo, tamén está previsto en Carballo, onde xa existe o regulamento de participación cidadá e será unha concelleira socialista a encargada de poñelo en marcha neste mandato.
Pero Clemente López Orozco di que nones. Di que “aínda que sexa un acordo maioritario non me sinto obrigado a cumprilo”, polo cal manifesta que vai nomear as pedanías a dedo. Así entenden eles a dedocracia… quixemos dicir a democracia.
En Malpica de Bergantiños o alcalde quere gañar con xogadiñas o que non lle deron as urnas. Fuxindo tamén dun pacto co BNG, optou por un goberno minoritario cun amigo insuficiente. Pero Ramón Varela tampouco comprende en demasía o que significa un goberno en minoría.
Isto leva a que moitos dos grandes proxectos queden na lista de espera por non se debater en tempo e forma, ou directamente por non os querer debater. Tal foi o caso da solicitude dunha escola taller, e tal é o caso dos orzamentos municipais, documento fundamental de xestión que en Malpica segue pendente de debate e aprobación.
Pero, aproveitando unha conxuntura concreta, Ramón Varela quere conseguir o que en boa lei non podería. A dimisión de Emma Abella, concelleira do BNG, implicaba un trámite que, no pasado, se ten solventado dun pleno para outro (hai uns meses unha concelleira do PSOE dimitiu nun pleno e, no seguinte, xa tomou posesión o seu substituto, isto é, o PSOE tivo cinco votos en todos os plenos, a pesar do cambio). Porén, co caso BNG, a “celeridade” da xestión municipal pode facer que isto non sexa así, posto que a dous días do pleno, a xestión da burocracia municipal por parte do alcalde pon en cuestión que o terceiro da lista nacionalista, Francisco Gorín, poida tomar posesión no pleno deste xoves e polo tanto votar.
Isto ten unha relevancia ben grande, que é coñecida e quen sabe se aproveitada polo alcalde. Nun pleno ordinario, os votos do goberno (PSOE e Alfredo Cañizo) suman seis, mentres que os da oposición suman sete. Cun voto menos na oposición, prodúcese un empate, e decide o voto de calidade do alcalde.
Polo si ou polo non, casualidades da vida, xusto nesta conxuntura, ao alcalde acórdalle (seica nin o tiña comentado coa oposición) levar ao pleno a aprobación do orzamento municipal que inclúe, entre outras cousas, unha subida do seu salario. Será, de certo, casualidade?









Comentarios Recentes