O Consello da Xunta daba luz verde, o pasado xoves, ao Plano de Acuicultura. Todos os flashes estaban postos no adianto ou non adianto electoral, e quizais por iso Touriño aproveitou para meter un dos temas máis conflitivos dos últimos tempos, agardando que quedase á sombra da gran noticia. En calquera caso, Bergantiños e a Costa da Morte non van deixar pasar por alto esta aprobación, e é o momento dunha análise seria, rigorosa, que poña luz sobre o asunto, así que iso intentaremos.
Despois de meses desfollando a margarita, agora resulta que non hai présa: as eleccións galegas terán lugar cando se prevía, isto é, á altura do mes de marzo de 2009. Así o confirmou hoxe o presidente da Xunta, quen ten a competencia para facer a convocatoria electoral.
Se non había présa, quizais tivera sido mellor non ter andado con tanto conto (tres meses, case), que se si, que se non, mentindo e desmentindo, con presións de aquí e de acolá. Touriño quixo petar na mesa e dar na fronte do PP (que xa fixera aposta pública por este outono) e incluso de certos sectores do seu partido (Pepe Blanco, Ricardo Varela…) que eran quen máis reclamaban o adianto. Comezan agora xa que logo, aínda que non se diga, sete meses de longa precampaña.
PD: Descúlpese o mellorábel criterio de ilustrar esta nova cun vídeo dos Tonechos, pero acaíalle ao conto. Seguiremos a parolar das eleccións galegas, agora semella que xa, si, con calma.
Xenial esta viñeta que, no GzNación, recolle e resume o máis brillante do destacado papel galego nas recentes olimpiadas, con eses dous metais dourados (Antón Paz e “Perucho”), as dúas pratas conseguidas por David Cal, así como as “2 de area”, en referencia ao 4º e 5º postos obtivos no triatlón por Gómez Noya e Iván Raña e que ben mereceron ser metallas de verdade, despois de que o ferrolán liderase boa parte da proba.
No entanto, estes días sucéndense as análises na rede sobre os resultados olímpicos (tal e como aquí tamén fixemos antonte), pero hai un dato que recolle o blogue Galiza Subversiva que é de especial interese para dar verdadeira dimensión do acado en Pequín: as 4 medallas e 3 diplomas olímpicos conseguíronse cun equipo olímpico de tan só 12 persoas. Isto é, de 12 galegos/as que foron a Pequín, 6 (Davil Cal fíxoo por partida dobre) quedaron nas súas categorías entre os seis primeiros. Case nada. E é que, como no seu programa dixera hai tempo Carlos Blanco, Galiza comeza a ser potencia… agora tamén olímpica.
Agosto acostuma ser un mes de relax en materia política, estando case todo o mundo de vacacións. No entanto, este ano houbo quen aproveitou as vacacións para darlle voltas á cabeza. Tal é o caso do presidente Touriño, que se debate entre manter as eleccións galegas para o mes previsto (marzo de 2009) ou adiantalas a este outono (apúntase á última fin de semana de outubro ou primeira de novembro).
Michelle Bachelet, Tabaré Vázquez, Hugo Chávez, Lula da Silva… Algo está a cambiar pola esquerda en América Latina. Agora, en Bolivia, nunha mostra poderosa de democracia, o primeiro presidente indíxena da historia, Evo Morales, vén de superar, segundo os inquéritos (os resultados oficiais non se coñecerán até o xoves) con suficiencia un referendo revogatorio ao que non tiña por que terse sometido, apenas dous anos despois da súa escolla. Foi unha nova festa da democracia e, malia á división que vive o país (con grandes provincias en mans dunha dereita opositora que ameaza boicotes e secesións), Evo saiu con máis respaldo que na súa elección presidencial, ofreceu diálogo e seguir adiante co camiño emprendido. Parabéns, Evo.
Máis información, na nosa lingua, sobre os resultados en Bolivia nos xornais electrónicos A Nosa Terra, GzNación e Vieiros.
Comentarios Recentes