Galiza, subcampiona do mundo

Está pasando 2 Comentarios »

Luns, 06 de outubro de 2008

Non, non é un soño. Vén de pasar. O nacionalismo leva traballando moitos anos a pelexar por unhas seleccións deportivas oficiais e internacionais, e a loita comeza a dar os seus froitos. Por primeira vez na historia, Galiza puido competir a nivel internacional. E o resultado, histórico: subcampionato mundial. Sirva este primeiro exemplo para demostrar que se queremos, podemos competir con calquera.

A ocasión foi o campionato do mundo de fútbol sala feminino. A FIFA prohíbe expresamente a participación das nacións sen estado, mais o dominio desta institución, apabullante no fútbol (e tamén no fútbol sala, aínda que en menor medida) non chega até o fútbol sala feminino, e isto fixo que outras directrices, máis abertas, permitisen a participación de Galiza e Catalunya.

De feito, a primeira edición tivo lugar en terras catalás, e na final tamén foi Catalunya a rival e vencedora do presente mundial (4-0). Non obstante, polo camiño Galiza fixo un papel deslumbrante, pasando no seu grupo (no que coincidía con Rusia e Ucraína), gañando en cuartos de final a Arxentina (por un contundente 8-1) e eliminando nas seminifais a Colombia (na tanda de penaltis).

As mulleres, mais unha vez, supoñen a vangarda, e demostran que Galiza pode pasear sen temor o seu nome polo mundo. Mágoa da pouca (ou case nula) repercusión que esta boa nova vai ter nos medios do país (do país?). Avante Galiza!

Chuza! Chuza!

Austeridade e monarquía

Está pasando 2 Comentarios »

Xoves, 02 de outubro de 2008

O ministro de economía, Pedro Solbes, defende a capa e espada o seu proxecto de orzamentos do estado. Uns orzamentos, segundo as súas palabras, austeros e cun razoábel apoio ao gasto social. O que non entendemos é se a monarquía pode entrar dentro do concepto de austeridade, ou é que ten un razoábel apoio por un novo concepto do social.

Pódese tomar a chiste e pensar que todo se debe ao aumento en número de membros da familia real (esta xente debe ter moito tempo libre entre vacacións en Baqueira e vacacións en Mallorca, que non fai máis que reproducirse), pero o certo é que é para cabrearse: cando todo se reduce, o orzamento para a casa real (orzamento sobre o que non se exerce ningún control) sobe case un 3% até achegarse e rondar os 9 millóns de euros. Non haberá que ir pensando noutra forma de estado? E noutra organización do estado?

Chuza! Chuza!

Portugal comeza a descubrir Galiza

Está pasando Comentar este artigo »

Martes, 30 de setembro de 2008

E será verdade? Sempre se dixo en Galiza que non se entendía moi ben o desleixo do país veciño cara esta nosa terriña, á que entre outras cousas deben a súa lingua, que naceu aquí entre nós e que é irmá (se non filla) do galego. O nacionalismo galego sempre se marcou o obxectivo dun achegamento con Portugal, obxectivo que sempre topou co pouco ou nulo interese luso.

Até non hai moito, as poucas relacións que había eran a raíz da creación, no seo da UE, da eurorrexión Galiza-norte de Portugal, de cara á planificación de infraestruturas, sobre todo. Quen sabe se os intentos acabarán dando o seu froito ou se será algo anecdótico, mais o certo é que a televisión pública portuguesa vén de emitir unha reportaxe na que analizan, con máis ou menos acerto, a relación entre as nosas linguas, e fan de paso un repaso sobre a historia, a común e a distante, de Galiza e Portugal. Interesante vídeo, para ver como nos ollan dende alén Miño. Botádelle un ollo neste enlace. Por certo, que o programa en cuestión leva por título “Coidado com a língua”, e aproveitamos para aclarar que a coincidencia coa sección deste blogue de título case homónimo (”Coida a túa lingua”) é pura coincidencia.

De fondo no vídeo escóitase varias veces un tema que xa é parte da tradición musical galega, que comeza con aquilo de “Eu chorar chorei, un domingo á tarde…”, e que posibelmente teña a versión máis animada na voz dunha das nosas máis famosas gaiteiras, pero tamén é certo que sobre gustos non hai nada escrito. Na rede atopamos esa canción na voz doutro ilustre fillo desta terra (ou cando menos con algo de sangue galego), Manu Chao. Velaquí.

Chuza! Chuza!

Cando os feitos dan a razón

Está pasando Comentar este artigo »

Luns, 29 de setembro de 2008

Para alén de barbaridades como as declaracións do alcalde “popular” de Baiona, definindo o noitebús como “botellón subvencionado”, que a Costa da Morte precisa melloras no seu servizo de transporte público é unha obviedade, e que a mocidade debe ter alternativas para o desprazamento ao seu ocio nocturno, pois tamén.

A reportaxe que hoxe ofrece La Voz deixa latente a insuficiencia dunha iniciativa de por si moi positiva. A posta en marcha do servizo de Noitebús tivo un acollemento dispar ao longo do país,  sobre todo debido á posta en marcha errática desta boa nova (lanzamento só en períodos concretos, modificación de rutas, supresión de percorridos…).

No entanto, a realidade de cada sábado demostra que na Laracha hai demanda máis que suficiente para este servizo. Isto fai que non se poida máis que reclamar a súa melloría, e que non cheguemos a entender cales foron os motivos que levaron á Consellaría de Política Territorial a reducir o servizo nun punto no que a demanda era e segue a ser moi alta.

Dende este humilde espazo, o noso apoio á reivindicación de máis noitebús (non só na Laracha, senón no conxunto do país) que, agora, parece mentira, acolle de xeito unánime toda a sociedade larachesa. Agardemos que desta volta impere o sentido común e se consiga unha ampliación do servizo acorde ás necesidades.

Chuza! Chuza!

Textos que din máis do que din

Está pasando Comentar este artigo »

Domingo, 28 de setembro de 2008

O nacionalismo sempre dixo que quería devolver o protagonismo e a palabra ao pobo galego. Aínda que só sexa un símbolo, unha placa, o letreiro que preside a galescola recén inaugurada na Laracha é síntoma de que algo novo está a pasar neste país. Despois de tantos letreiros con nomes de alcaldes e presidentes, por fin a cidadanía toma o protagonismo. É só unha placa, pero máis que nunca é tamén un símbolo.

Chuza! Chuza!
Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación