Poesía contra a ignorancia

Hoxe recomendamos... 1 Comentario »

Sábado, 17 de maio de 2008

No Día das Letras (e mañá, odiadas letras, que diría O Carrabouxo), é un bó día para clamar contra quen aproveitan este día de forma folclórica (institucións, La Voz de Galicia…) para presumir dunha lingua que ignoran os 364 días restantes do ano. Por iso, hoxe máis que nunca, lembramos e damos cabida aos versos do grande Celso Emilio Ferreiro.

DEITADO FRENTE Ó MAR…

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño…

Onde vas estar o 18 de maio?

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Domingo, 04 de maio de 2008

Hai milleiros de razóns para estarmos e moi poucas para non facelo.  O vindeiro 18 de maio está convocada unha manifestación nacional polo dereito a vivirmos en galego, e alí ten que estar todo o país en pé. Deixámosvos unha escolma de textos de variada autoría, co enlace a artigos máis longos, nos que se reflexiona sobre a lingua. Sexa como for, o día 18, non faltes.

Podemos dicir que seguimos recoñecéndonos e sendo recoñecidos galegos e galegas grazas ao noso idioma, aquel que nos identifica e singulariza á par doutros idiomas e doutras culturas, aínda que a nosa diacronía nos fale de termos sido vítimas da máis bárbara castra(piza)ción cultural.  Mercedes Queixas. Restauración. Ver artigo completo.

Certo que unha concepción individual do problema lingüístico (ou da distribución de cinema ou da ecoloxía) non permitirá nunca a súa plena solución, porque o conflito é intrinsecamente colectivo. Mais tamén é verdade que sen o apoio a través da práctica diaria, non será posíbel conseguir as transformacións que nos propoñamos. De non ofrecermos solucións, facemos parte do problema. Carlos Callón. O sabio consello de Meryl Streep. Ver artigo completo.

Cóntame unha compañeira que anda cos preparativos da Comuñón da súa filla, de Sabela, o que lle aconteceu cando quixo facer os convites. No Corte Inglés da Coruña simplemente non fan as invitacións en galego; en Porvén, tamén da Coruña, si as fan, só que en castelán custan 10€ e en galego 30€!!!! ” porque cobran igual que o inglés”
Para que logo digan que o galego non é rendíbel! 
Xoán Costa. En castelán entenden igual. Ver artigo completo.

Hoxe erguínme máis tranquilo. Hoxe sinto que teño máis dereitos. Hoxe respiro máis liberdade ca onte. Hoxe falo con máis ledicia e as palabras saen da miña boca con máis forza, porque hoxe sei que se Mariano Rajoy é Presidente do Goberno español, terei garantizado o meu dereito a me expresar en español en todos os recunchos de España. Tamén en Euskadi, Galicia e Catalunya onde, segundo contan, antes non se podía. Dani Álvarez. Defender o español. Ver artigo completo.

Galegos/as con poder en Madrid

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Venres, 02 de maio de 2008

Hoxe que todo Madrid está de festa en honra á rebelión contra Francia de hai dous séculos, recomendamos unha lectura breve pero moi interesante que fala da presenza galega na Corte.

O artigo do sempre xenial José Luis Sucasas no xornal electrónico Vieiros reflexiona sobre o teórico poder de Galiza, que é o berce do 18% das persoas que terán carteira ministerial no próximo goberno Zapatero, o territorio do estado máis representado.

Este artigo, que leva por título Galegos na corte do rei Carolo, reflexiona sobre o importante ou nulo papel que outros importantes políticos chegados de Galiza, como Franco ou Rajoy, tiveron na política estatal e o pouco ou nada, quizais máis ben ao contrario, que isto representou para o noso país.

Nesa liña, é interesante unha das liñas argumentais que esboza Sucasas pero apenas debulla. Sendo Cataluña a clave do triunfo electoral do PSOE, é Galiza, pola contra, a máis representada. Isto ten a ver, como o autor deixa entrever no seu prólogo, o pouco que o PSdeG é quen de berrar e facerse oír dentro do PSOE. Así, mentres que o PSC si fai oír a voz de Cataluña, pouco ou nada diferenciará a un ministro ou unha ministra naturais de Galiza con respecto a aqueles/as que proceden doutros territorios.

Galiza, como sempre, está, pero pinta pouco ou nada. Tristemente. En todo caso, non vos preocupar, na próxima cita das eleccións galegas xa se encargará o PSdeG de presumir de carteiras ministeriais. Ao fin e ao cabo, é para iso para o que van servir, para máis nada. Lede o artigo, é recomendábel.

Unhas cantas reflexións sobre a lingua

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Luns, 21 de abril de 2008

Aprofundando no tema da lingua que xa onte tratabamos, e un pouco máis en serio, aconsellamos hoxe unha reflexión tranquila sobre a situación social da nosa lingua da man de xente quizais máis informada e documentada que nós.

Xosé Ramón Pousa reflexiona na Nosa Terra sobre a situación do galego nos medios e os supostos efectos das tan traídas e levadas subvencións polo uso do galego. Bótalle un ollo aquí

Xosé María Palmeiro enfronta no Galicia-Hoxe o tan manido discurso da liberdade e o bilingüismo a raíz do seu propio caso particular. Aquí o enlace. 

Recuperamos tamén un artigo escrito fai xa tempo por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, sobre a postura particular que deberiamos afrontar nas situacións cotiás de conflito. Bótalle un ollo

E xa por último, recomendamos a lectura dun interesante artigo de Alexandre Banhos sobre o bilingüismo e a teoría que sustenta a grupos como Galicia Bilingüe. Interesante reflexión

Boa lectura.

Todos os días son 25 de novembro

Hoxe recomendamos..., Mulleres 3 Comentarios »

Domingo, 30 de marzo de 2008

O 25 de novembro conmemórase mundialmente o día da non violencia contra as mulleres, pero acotío nos atopamos con razóns para reivindicar que ese día sexa todos os días. E é que a violencia, física, sicolóxica, no particular ou no colectivo, está presente a diario na nosa vida. Por iso, hoxe, 30 de marzo, chamamos tamén á non violencia sexista, en calquera dos seus formatos.

Esta reflexión, tan válida en calquera momento, vén hoxe a conto dun inquérito feito en Irlanda (pero quizais os resultados poderían ter sido semellantes en calquera outro lugar, xa que non é este un país que poidamos considerar subdesenvolto ou de baixa formación) que deixa datos arrepiantes.

Así, até un 30% da poboación á que se lle preguntou considera que a muller é quizais culpábel nun acto de violación. Algunhas das razóns que se esgrimen para manter afirmación tan brutal son nalgúns casos vergonzantes, xa que se consideran, por exemplo, o feito de ter tido varias parellas sentimentais ou o de levar roupa provocativa.  O triste é que a porcentaxe sobe aínda máis, até un 38%, se imos a aquelas persoas que consideran que a vítima é culpábel se transitou por unha zona remota ou deserta.

O lamentábel de todo isto é que a comparación de xénero é lapidaria. Culparía a sociedade a algún home por ter tido varias parellas, ou máis ben gabaría a súa sorte? Xulgaría alguén destemida e provocativa a vestimenta dun home, como para considerala incitante á agresión? E toda esa xente que considera á muller culpábel, que pensará da outra parte, do agresor? A enquisa non o di, e case preferimos non sabelo.

En fin, nun día que reflexionamos e reivindicamos á muller e a súa igualdade nunha sociedade que queira chamarse “do século XXI”, co significado que a iso quere dárselle, aproveitamos como despedida para recomendar un artigo ben interesante.

Rebeca Baceiredo reflexiona no portal Vieiros sobre a situación social da muller hoxe en día nun artigo que leva por título “O micropoder: I like your gun…!”, onde cun marcado toque irónico fala da importancia da imaxe e a silicona, do embarazo e o traballo, da violencia machista. En fin, deses temas tan falados pero que non por iso deixan de estar aí. En fin, boa lectura. Ler artigo.

Lectura para a fin de semana

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Xoves, 20 de marzo de 2008

Comeza unha longa fin de semana, e como doutras veces, aproveitamos para recomendar algunhas lecturas breves pero que poden ser do voso interese sobre temas do máis variado. Boa lectura.

Palabra de Aznar, un artigo de Fernán Vello sobre as afirmacións do ex-presidente do goberno do Estado, en que este viña a reafirmarse na decisión de invadir Iraque.  Ollo tamén ás declaracións de Bush.

Ramón Vilar, pola súa conta, reflexiona sobre a caída do boom inmobiliario, as súa causas e a realidade actual do sector, dunha forma clara pero contundente. 

Henrique del Río aborda, pasadas as eleccións xerais, o complicado tema do voto emigrante. Sobre as eleccións, Manuel Cao lévanos ao tema da economía.

O dito, boa lectura.

Lectura para a fin de semana

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Sábado, 16 de febreiro de 2008

Xa que escomeza a fin de semana e hai un pouco máis de tempo libre, recomendamos algúns artigos que voan pola rede e que nos poden axudar a reflexionar sobre a realidade e as liortas políticas que enchen os medios de comunicación.

Primeiramente, un artigo de Alba Nogueira, que aborda con moito acerto a polémica xurdida dende que o alcalde de Lugo e algúns outros socialistas de relevo decidiron boicotear o consorcio galego de servizos sociais. Aprofunda na hipocresía de quen cuestiona a xestión de proxectos do ámbito galego e aplaude sen rechistar, por exemplo, as políticas do goberno do estado en materia de vivenda, cando son competencia exclusiva galega.

Despois, un artigo-relato de Susana de la Gala, que aborda unha situación concreta, pero unha realidade xenérica, como é a percepción que moitas veces temos da lingua galega os propios galegofalantes. Para reflexionar. 

Por último, un artigo, no seu blogue, de Quique del Río, no que reflexiona sobre a recente polémica xurdida entre o BNG e o embaixador israelí a conta da condena ou non do nazismo, relacionado todo elo coa realidade actual en Palestina.

Sobre a necesaria derrota do PP

9-M, Hoxe recomendamos... 1 Comentario »

Sábado, 09 de febreiro de 2008

Hoxe recomendamos un artigo de Dani Álvarez, e a quen xa temos recomendado, penso, noutras ocasións. Este rapaz nado na Galiza e actualmente residente en Euskadi reflexiona sobre un tema que para os nacionalistas é tamén de moito interese: a necesaria derrota electoral do PP.

As posturas políticas mantidas polo Partido Popular son antitéticas, non só coa nosa visión do mundo, senón en moitos casos cos máis elementais conceptos democráticos.

O artigo de Dani Álvarez reflexiona sobre as máis extremas posicións defendidas polo PP na última lexislatura, e tamén na anterior, na que ocuparon o goberno, e hai un artigo que quizais resume perfectamente o sentimento que poderíamos entresacar:

” Hai que derrotar ao partido que dixo que “votar a calquera que non sexa o PP será votar porque ETA volva ás institucións” (Aznar), ao que acusa a PNV, EA, BNG, ERC e PSOE de dar soporte a ETA, ao que sinalou que os gais son fillos de pais “hostís” e “alcólicos” (Aquilino Polaino), ao que enganou dicindo que o “colapso nas urxencias dos hospitais débese a que os inmigrantes descubriron a grandeza do sistema sanitario” (Cañete), que o 11-M fora obra de ETA e dunha conspiración policial controlada polos socialistas, aos que fixeron que os mortos votaran en Galiza, aos que dixeron que a política lingüística da Xunta era semellante á do franquismo (Núñez Feijoo), ou que o franquismo foi un tempo de “extrema placidez” (Mayor Oreja), que había armas de destrución masiva no Iraq…

En fin, como observades, unha retaíla de razóns para infrinxir unha dura derrota ao PP, unha derrota que só pode vir por un aumento de peso do nacionalismo, toda vez que o PSOE navega entre a indefinición e a loita por copar os espazos da dereita. Só o nacionalismo parece ser unha vía de profundamento nos dereitos sociais e na democracia durante a vindeira lexislatura.

Por outra parte, aproveitamos para recomendar unha visita á columna que no xornal Galicia-Hoxe ten o debuxante López, que nos ofrece unha visión diferente, en forma de viñetas, sobre a realidade do momento e, arestora, como non podía ser doutro xeito, desta campaña electoral. Totalmente recomendábel.

Quen somos?

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Martes, 05 de febreiro de 2008

Hoxe, dando unha volta pola rede,  recomendamos un artigo de José Luis Sucasas publicado fai uns días no portal Vieiros, que leva por título “Eu non son español“. 

José Luis Sucasas é lalinense de nacemento, enxeñeiro técnico informático de profesión, escritor en tempos soltos (ten publicado dúas obras, “O paxaro que ninguén ve” e “Soñaron buratos na terra”) ademais de colaborar habitual, en forma de artigos de opinión, no portal Vieiros.

Neste artigo, José Luis Sucasas reflexiona sobre o significado despectivo que moitas veces se outorga aos vocablos “nacionalismo”  e “nacionalista”, e reflexiona sobre a importancia relativa do feito diferencial. Un artigo certamente recomendábel para todas as mentes abertas.

O Consello da Xuventude de Galiza, existe?

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Mércores, 30 de xaneiro de 2008

A maior parte da mocidade galega posibelmente o descoñeza, pero resulta que temos un órgano que nos representa, ou iso debería. Trátase do Consello da Xuventude de Galiza, no que en teoría están representadas todas as asociacións xuvenís do país e que foi creado co obxectivo de dar cobertura ás problemáticas da mocidade, para que foran debatidas e trasladadas ao goberno galego.

O Consello da Xuventude de Galiza debe de ser unha desas poucas institucións do país cun goberno tan curioso. Aquí, o PP (na súa rama xuvenil, Novas Xeracións) apoiou a proposta das xuventudes do PSdeG, e agora ambos comparten o goberno desta institución, xunto cun conglomerado de siglas que inclúe de todo (organizacións de dubidoso carácter democrático, scouts, organizacións pantasmas de ambos partidos políticos…).

Este breve introdución serve hoxe para recomendar un artigo de Henrique del Río, quen no seu blog aberto no Gznacion, reflexiona, cunha elevada acidez e ironía, sobre a última asemblea desta institución, que tivo lugar o pasado sábado, e sobre a situación actual da que debera ser algo así como a cámara de representantes da mocidade galega.

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in