Domingo, 30 de marzo de 2008
O 25 de novembro conmemórase mundialmente o día da non violencia contra as mulleres, pero acotío nos atopamos con razóns para reivindicar que ese día sexa todos os días. E é que a violencia, física, sicolóxica, no particular ou no colectivo, está presente a diario na nosa vida. Por iso, hoxe, 30 de marzo, chamamos tamén á non violencia sexista, en calquera dos seus formatos.
Esta reflexión, tan válida en calquera momento, vén hoxe a conto dun inquérito feito en Irlanda (pero quizais os resultados poderían ter sido semellantes en calquera outro lugar, xa que non é este un país que poidamos considerar subdesenvolto ou de baixa formación) que deixa datos arrepiantes.
Así, até un 30% da poboación á que se lle preguntou considera que a muller é quizais culpábel nun acto de violación. Algunhas das razóns que se esgrimen para manter afirmación tan brutal son nalgúns casos vergonzantes, xa que se consideran, por exemplo, o feito de ter tido varias parellas sentimentais ou o de levar roupa provocativa. O triste é que a porcentaxe sobe aínda máis, até un 38%, se imos a aquelas persoas que consideran que a vítima é culpábel se transitou por unha zona remota ou deserta.
O lamentábel de todo isto é que a comparación de xénero é lapidaria. Culparía a sociedade a algún home por ter tido varias parellas, ou máis ben gabaría a súa sorte? Xulgaría alguén destemida e provocativa a vestimenta dun home, como para considerala incitante á agresión? E toda esa xente que considera á muller culpábel, que pensará da outra parte, do agresor? A enquisa non o di, e case preferimos non sabelo.
En fin, nun día que reflexionamos e reivindicamos á muller e a súa igualdade nunha sociedade que queira chamarse “do século XXI”, co significado que a iso quere dárselle, aproveitamos como despedida para recomendar un artigo ben interesante.
Rebeca Baceiredo reflexiona no portal Vieiros sobre a situación social da muller hoxe en día nun artigo que leva por título “O micropoder: I like your gun…!”, onde cun marcado toque irónico fala da importancia da imaxe e a silicona, do embarazo e o traballo, da violencia machista. En fin, deses temas tan falados pero que non por iso deixan de estar aí. En fin, boa lectura. Ler artigo.
Comentarios Recentes