Paridade: da teoría á realidade

Mulleres 1 Comentario »

Xoves, 08 de maio de 2008

Moito se ten avanzado, ben certo é, no tema da igualdade. Non obstante, hai mudanzas que van moi amodiño. Zapatero presentou un goberno paritario, o galego case o é, pero na práctica cotiá, no máis próximo, estes obxectivos semellan máis lonxe de cumprirse.

Vén a reflexión a conto de que estes días falamos abondo de Malpica de Bergantiños. Precisamente alí haberá, dende xa, unha das corporacións municipais con menos mulleres, posiblemente, de todo o país. Trala demisión dunha concelleira socialista hai ben pouco, substutuída por un varón, e a recente demisión da nacionalista Emma Abella, que tamén vai ser relevada por un home, ficará unha única muller nun salón de plenos con 13 asentos. Unha porcentaxe paupérrima.

Pero hai outros datos para a análise. En Bergantiños e a Costa da Morte non hai nin unha soa alcaldesa (Gema Freire foino en Corcubión até non hai pouco de xeito ocasional), e case todos os grupos municipais teñen máis homes que mulleres (poucas excepcións, como a do BNG da Laracha, ou algúns casos nos que só hai unha representante e é muller, como no PP de Corcubión ou no BNG de Fisterra).

O dito, déronse pasos adiante, pero as mulleres das terras de Bergantiños e Costa da Morte aínda teñen que facerse oír. É, sen dúbida, algo necesario. As corporacións locais tamén teñen que ser representativas da nosa sociedade.

Todos os días son 25 de novembro

Hoxe recomendamos..., Mulleres 3 Comentarios »

Domingo, 30 de marzo de 2008

O 25 de novembro conmemórase mundialmente o día da non violencia contra as mulleres, pero acotío nos atopamos con razóns para reivindicar que ese día sexa todos os días. E é que a violencia, física, sicolóxica, no particular ou no colectivo, está presente a diario na nosa vida. Por iso, hoxe, 30 de marzo, chamamos tamén á non violencia sexista, en calquera dos seus formatos.

Esta reflexión, tan válida en calquera momento, vén hoxe a conto dun inquérito feito en Irlanda (pero quizais os resultados poderían ter sido semellantes en calquera outro lugar, xa que non é este un país que poidamos considerar subdesenvolto ou de baixa formación) que deixa datos arrepiantes.

Así, até un 30% da poboación á que se lle preguntou considera que a muller é quizais culpábel nun acto de violación. Algunhas das razóns que se esgrimen para manter afirmación tan brutal son nalgúns casos vergonzantes, xa que se consideran, por exemplo, o feito de ter tido varias parellas sentimentais ou o de levar roupa provocativa.  O triste é que a porcentaxe sobe aínda máis, até un 38%, se imos a aquelas persoas que consideran que a vítima é culpábel se transitou por unha zona remota ou deserta.

O lamentábel de todo isto é que a comparación de xénero é lapidaria. Culparía a sociedade a algún home por ter tido varias parellas, ou máis ben gabaría a súa sorte? Xulgaría alguén destemida e provocativa a vestimenta dun home, como para considerala incitante á agresión? E toda esa xente que considera á muller culpábel, que pensará da outra parte, do agresor? A enquisa non o di, e case preferimos non sabelo.

En fin, nun día que reflexionamos e reivindicamos á muller e a súa igualdade nunha sociedade que queira chamarse “do século XXI”, co significado que a iso quere dárselle, aproveitamos como despedida para recomendar un artigo ben interesante.

Rebeca Baceiredo reflexiona no portal Vieiros sobre a situación social da muller hoxe en día nun artigo que leva por título “O micropoder: I like your gun…!”, onde cun marcado toque irónico fala da importancia da imaxe e a silicona, do embarazo e o traballo, da violencia machista. En fin, deses temas tan falados pero que non por iso deixan de estar aí. En fin, boa lectura. Ler artigo.

8 de marzo, para non esquecer

Mulleres Comentar este artigo »

Sábado, 8 de marzo de 2008

mulleres.jpg

O 8 de marzo conmemórase en todo o mundo o Día Internacional da Muller Traballadora, xa coñecido como Día da Muller, e ao longo e ancho do planeta teñen lugar un sinnúmero de actos, tamén en Galiza, para reivindicar que xa é hora da igualdade.

A escolla desta data débese a que o 8 de marzo de 1857 morreron 146 obreiras do textil que permanecían pechadas nunha fábrica en Nova York para denunciar as súas pésimas condicións de traballo e de seguridade, sendo atacadas con bombas incendiarias ao negarse a desaloxar.

A comezos do século XX a Internacional Socialista escolleu esta data, que hoxe xa é recoñecida polas Nacións Unidas e é festa nacional en moitos países. O lema deste ano, na convocatoria da Marcha Mundial das Mulleres, é “Nin un paso atrás! As mulleres non podemos perder dereitos”. 

Desde aquí, apostamos por construirmos un mundo máis xusto, unha xustiza que terá que partir da igualdade entre todas as persoas, sexa cal sexa o seu xénero, sexo, raza ou relixión.

María Reimóndez

Mulleres Comentar este artigo »

Domingo, 17 de febreiro de 2008

María Reimóndez é unha desas mulleres especiais que nos deixan os tempos actuais.  Con tan só trinta e dous anos, é unha escritora xa recoñecida nas letras galegas, onde ten publicado títulos como “O club da calceta” ou “Moda galega”, e gañado premios como o Rúa Nova ou o Minerva, ademais de ser finalista do Premio Xerais.

Pero o que convirte en especial a María Reimóndez é quizais a súa dedicación desinteresada aos demais. É presidenta e fundadora da ONG Implicados/as no Desenvolvemento, coa cal pasou longas estadías na India, onde traballaron fundamentalmente con colectivos de mulleres.

Na actualidade, coa súa ONG, está traballando noutro lugar do mundo nunha complexa situación: Etiopía. Semana a semana, podemos facer seguimento da súa estadía no continente africano a través das súas colaboracións na web, relatos que recomendamos.

Najat el Hachmi Buhhu

Mulleres Comentar este artigo »

Venres, 01 de febreiro de 2008

Este nome, posibelmente, moi pouco nos diga, así de pronto. Quizais, dentro dun certo tempo, comece a ser un nome habitual nos círculos literarios, e tamén, quizais, hoxe ocupe un minuto, media páxina, na maioría dos medios de comunicación do Estado.

Najat é o nome dunha muller de apenas 28 anos que, seguramente sen pretendelo, vai romper moitos tópicos maniqueos, os daqueles que consideran que sociedades como a catalana son excluintes case polo simple feito de existir.

Najat é unha moza de orixe marroquí, que dende os 8 anos vive na vila de Vic, e que ven de gañar o premio máis importante (pola súa contía económica) en lingua catalana, o Ramón Llull, demostrando que é posíbel a integración sen renunciar ás orixes, e que as linguas dos distintos territorios non son obstáculo senón medio de interrelación.

A novela gañadora, L’últim patriarca, é ademais unha obra agresiva, de denuncia, que se centra no retrato dunha sociedade machista, en parte a que ela viviu, a musulmana, pero, afirma, tamén a que se atopou na súa terra de acollida, sinalando como claro exemplo as reiteradas mortes de vítimas da violencia de xénero.

A escritora manifesta que, de sempre, quixo ser escritora, non inmigrante, pero que non pretende ser modelo de nada. Podedes ampliar esta nova en El Periódico de Catalunya.

Rosalía

Mulleres Comentar este artigo »

Xoves, 24 de xaneiro de 2008

Recollendo unha suxestión que nos facía unha visitante, no noso mail, que fica aberto (nasterrasdepondal@hotmail.com) para calquera aportación que se queira facer, abrimos hoxe unha páxina neste blogue ao feminismo, ao debate sobre a presenza das mulleres na historia.

Rosalía de Castro é, quizais, unha das mulleres máis presentes na memoria de todos cantos pensan en clave de país galego. Nunha historia maiormente contada polos homes, Rosalía é unha desas mulleres que reloce con voz propia, que xa no seu tempo foi quen de abrirse un oco en espazos nos que as mulleres apenas tiñan presenza, e iso contando, quizais, coa desvantaxe da sombra que lle facía o seu propio home, outro ilustre como Manuel Murguía.

Fronte á visión lastimosa e de muller en tristura constante que intentaron inducirnos moitos autores, moitos outros tamén teñen posto en valor a valentía e coraxe dunha muller única na nosa historia. Destaca, quizais, o estudo que da súa figura ten feito o parlamentario Francisco Rodríguez.

Para coñecer máis sobre a figura da nosa maior poetisa, podedes dar unha volta, na rede, pola páxina da súa fundación, ou ollar unha breve escolma da súa vida e obra na páxina da Biblioteca Virtual Galega.

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in