Nin a favor nin en contra, senón todo o contrario

O que hai que oír Comentar este artigo »

Venres, 18 de abril de 2008

“Con amigos coma ti, quen quere inimigos?” Esta é unha frase moi socorrida, e algo así deben estar a pensar no BNG vendo as actitudes dos seus compañeiros/as no goberno galego. O PSOE galego semella que non tivese que explicar nunca o que fai nin o que di, e fai da contradición e a hipocresía un auténtico modo de vida.

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), liderada polo socialista Carlos Fernández, presentou a semana pasada un recurso contra o Decreto das Normas do Hábitat, redactado pola Consellaría de Vivenda, en mans do BNG. Ante as protestas, que eran de agardar, de parte do sector da construción, o presidente da Xunta, tamén do PSOE, retrucaba que non había motivo para tanto balbordo e, digamos, que as Normas do Hábitat eran un paso adiante. Logo, si ou non? Para adiante ou para atrás? Pois non está claro. Hoxe Touriño dixo apoiar o espírito do decreto, pero tamén entender o recurso presentado polo seu compañeiro de formación.

Pero quizais máis grave aínda sexa o acontecido con Loli Rodríguez Amoroso. Esta muller, que poida non ser coñecida para o común dos mortais, é “a xefa” das Xuventudes Socialistas de Galicia e presidenta do Consello da Xuventude. Sempre, e nos últimos tempos tamén, defendeu a morte á parte do goberno galego dirixida polo PSOE, mentras atacou con dureza políticas do BNG, xa sexa en materia de Vivenda ou as levadas a cabo dende a Dirección Xeral de Xuventude.

Pero mira por onde que fai unhas semanas debeu caer da cama, e pediu a retirada da proposta de Lei de Drogas que están a redactar dende a Consellaría de Sanidade (PSOE). É curioso o desta muller porque fai uns días facía unha defensa entusiasta do uso do galego. Sería bo que tamén lle transmitira ese entusiasmo a boa parte do seu partido, por exemplo ao sector coruñés máis fiel a Paco Vázquez, no canto de predicar mundo adiante.

O dito, que a coherencia é algo que está en crise, e no PSOE, con tanto xiro ao centro, perderon o norte. Desexémoslle que o atopen de volta e decidan poñer rumbo á esquerda canto antes.

A lingua a pacer

O que hai que oír 1 Comentario »

Sábado, 12 de abril de 2008

Falar non ten cancelas, e iso ten as súas consecuencias, aquí e polo mundo adiante. Este feito orixina que, quen ollamos día a día a prensa e a rede, nos teñamos que atopar con barbaridades e tonterías de parte de xente á que se lle presupuña un bo nivel intelectual e cultural.

O fiscal xefe de Lugo, seguindo o que parece querer converterse nunha moda pero que non é máis do que unha ofensiva clara e intencionada, vén de poñer o berro no ceo porque Xunta e Consello Xeral do Poder Xudicial editasen unha guía para informar ás vítimas dos malos tratos en galego. Di que, deste xeito, hai mulleres que perden parte do seu dereito á información. En fin, para que se vexa todo o que nos queda aínda por loitar pola normalización da nosa lingua.

Alén Miño, Berlusconi preséntase mañá, unha vez máis, como candidato á presidencia de Italia nunhas eleccións que foron anticipadas. Esta semana o nada discreto presidente do Milán, un dos principais equipos de fútbol italianos e dono de varios medios de comunicación, destapábase cunhas declaracións que demostran o seu calado intelectual: “a esquerda non ten gusto nin para as mulleres”. Sinalaba que, cando falaba no Parlamento, ollaba as bancadas e se daba conta que as mulleres dos partidos de dereitas eran máis guapas. Se, como din as enquisas, acaba saíndo presidente, cando menos non faltarán titulares nos próximos meses.

O mundo ao revés

O que hai que oír Comentar este artigo »

Sábado, 05 de abril de 2008

Hai novas que poden deixar a calquera con cara de parvo/a. Lense unha vez, matínase, lense novamente, e trala terceira lectura, pensa calquera que vive nun mundo tolo, nun mundo ao revés. Velaí a historia, que trascendeu esta semana.

Unha empregada denunciou a unha empresa (a Cadena Cope) por despido improcedente. As causas do despido, por certo, ben significativas: ser do BNG e lesbiana. Quizais o erro era pensar que podía traballar nesa empresa.

O caso. Feita a denuncia, esta é remitida á empresa. Esta contesta. Hai xuízo e sentenza. Todo correcto. Todo? Pois non. Despois de todo o proceso, a empresa vén de recorrer a decisión xudicial alegando que o seu avogado non coñecía o galego. Incríbel! Unha vez que xa todo rematou, e véndose perdidos, buscan a baixeza de pretender ignorar a lingua (en todo caso, poderíano ter dito antes) para evitar a súa culpa.

O triste do asunto é que o Consello Xeral do Poder Xudicial vén de abrir dilixencias previas contra a xuíza, Ana López-Suevos, por permitir a utilización do galego, o que foi calificado polos avogados da COPE de “sectarismo e partidismo”.

En fin, o dito, o mundo ao revés. Alguén pode pensar que a xustiza é un ámbito no que o galego estea nunha situación minimamente normal? Pois hai a quen aínda lle parece que ocupa espazo en demasía.

Non nos imos deter en valoracións. Quizais unha opinión moi acertada ao respecto sexa a xa manifestada por Bieito Lobeira, cremos que suficientemente elocuente.

O touriñés

O que hai que oír Comentar este artigo »

Mércores, 01 de marzo de 2008

Onte falabamos de lingua, e hoxe, por distender e rebaixar a conflictividade sobre este tema, aproveitamos para abordar con humor outro aspecto da lingua.

De fai tempo é comentado e lamentado o pobre nivel de formalidade no uso da lingua por parte de un sector da clase política galega. Entre eles, dos máis comentados, o caso do actual presidente da Xunta.

Aproveitando este feito, unha asociación sen ánimo de lucro, Touriñés Productions, acaba de editar un vídeo, que en realidade é unha dobraxe dun anaco do filme “A vida de Brian”,  no que destacan algunhas das máis sonadas pifias do dirixente dos socialistas galegos. Para máis, presentan o vídeo como candidato aos Premios Nacionais da Cultura. Velaí vos queda o vídeo, e a botar unhas risas.

Miles de galegos/as, perigo público da noite para a mañá

Está pasando, O que hai que oír 1 Comentario »

Xoves, 27 de marzo de 2008

estreleira.jpg

Pois si, amigas e amigos. Por se non o sabiades, moitos e moitas de vós sodes, dende xa, sospeitos@s. Así, porque si. Ou mellor dito, porque semellades perigos@s.

Vén de desvelarse que nalgúns documentos internos da Garda Civil se recomenda vixiar e tomar nota de vehículos ou persoas que porten determinada simboloxía, entre esta o famoso GZ (que pulula en numerosos vehículos país adiante, van ter traballo), o escudo deseñado por Castelao co lema “denantes mortos que escravos” ou a bandeira galega con estrela. 

Así, de súpeto, todas as persoas que porten algún destes símbolos son consideradas dende xa perigosas polas forzas da orde. E vai máis aló, xa que se chega a afirmar que en Galiza está presente o segundo maior problema de terrorismo de España. Case nada, amigos e amigas: moito ollo co que agochades…

Resulta paradoxal esta circunstancia contrastándoa con outro feito que tivo lugar onte no Parlamento galego. Saiu adiante unha iniciativa do BNG que promove a eliminación dos nomes fascistas dos edificios públicos do país. A iniciativa saíu adiante mais, como era de agardar, outra volta o PP votou en contra.

Estes, xa que logo, son os verdadeiros demócratas. A quen se nega a retirar a Franco dos nosos rueiros nada lle pode pasar porque seica son os bos, eses trinta e sete deputados e deputadas que se negan a borrar o fascismo das nosas vidas agora semella que son a quinta esencia da democracia. No entanto, quen pensamos que outro mundo e outra Galiza é posíbel somos, dende xa, sabédeo, perigos@s.

Fútbol, espectáctulo, triste espectáculo

Está pasando, O que hai que oír Comentar este artigo »

Sábado, 22 de marzo de 2008

Aínda nunca se comentara neste blogue nada que tivera a ver co “deporte rei”, porque non é esa a súa finalidade, mais hoxe vainos servir para algunha que outra reflexión. Aínda que con tardanza, isto vén a conto do acontecido o sábado pasado en Sevilla, no encontro entre Betis e Athletic de Bilbao. Primeiro un vídeo resumo do acontecido, despois as reflexións.

1. Das moitas imaxes lamentábeis deste vídeo, posibelmente unha das máis desagradábeis sexa a dos berros do comezo, non polos berros en si, senón pola presenza de nenos e nenas nas primeiras filas. Os “adultos” alí presentes, que queren aprenderlles aos seus fillos e fillas? 

2. Que caste de sociedade estamos a xerar? Como é posíbel o insulto tan desmedido a xente á que non se coñece de nada (neste caso, os xogadores do Bilbao)?

3. Cal é a conclusión política que podemos tirar de todo esto tendo en conta as claras acusacións de terroristas sen saber nada da ideoloxía dos xogadores? De verdade podemos pensar que para nada inflúe a actitude da nosa clase política, nomeadamente do PP?

4. Como pode un representante do Betis dicir que eles son os perxudicados, despois dunha agresión tan estúpida e de varios centos de afeccionados verdebrancos insultando a uns xogadores dos que coñecen pouco ou nada?

5. Cal é o verdadeiro papel dos medios de comunicación na nosa sociedade? Todos os medios se fixeron eco da agresión, e louvaron que a propia afección do Betis retivera a quen lanzou o obxecto, pero pouco ou nada din de todo o demais. Non é iso dar unha cobertura indebida?

6. E se o “lanzador de botella” non tivese acertado, tería pasado algo? De verdade a nosa capacidade de escándalo depende de que o energúmeno de turno apunte ben ou mal?

Concluímos estas reflexións desordenadas convidando a unha verdadeira e serea reflexión a quen de verdade proceda: os clubes, a inmensa maioría deles, están a alimentar a estes grupos ultra, e iso é xogar con lume. Despois pasa o que pasa. Sentidiño, o deporte non pode ser este espectáculo.

Tarde piaches, Alberto

O que hai que oír Comentar este artigo »

Martes, 18 de marzo de 2008

De natural tendemos á benevolencia, a pensar que a xente, cando di as cousas, as di de corazón, tal e como as sinte, porque cre que iso axudará a mellorar a situación.

Por iso, cando hoxe lemos na prensa que Alberto Núñez Feijoo vén de manifestar que non hai nada máis urxente que a reforma do voto emigrante, pensamos que quizais teña razón. Que o feito de que algunhas persoas enviaran, dende o estranxeiro, votos acompañados do certificado de defunción do suposto votante, debería dar que pensar. Que o feito de que non se vote en urna e non se garanta a identidade de quen exerce o voto, pois non é positivo.

Quizais por iso, porque pensamos que é certo, non pensamos que estas declaracións de Núñez Feijoo teñan nada que ver coa recente e contundente derrota do PP no que respecta ao sufraxio chegado do exterior, onde o PSOE lle comeu máis do 60% do voto.

Quizais por sermos bondadosos podemos entender que o feito de o PP gobernar durante durante 16 anos Galiza e 8 o Estado sen ter amañado esta cuestión se debese máis que nada a un esquecemento, e non, para nada, ao feito de entón ser eles os beneficiados do voto exterior.

Quizais, quizais… quizais tarde piaches, Alberto.

Distendendo

O que hai que oír Comentar este artigo »

Mércores, 12 de marzo de 2008

Son xa demasiados días dándolle voltas ao tema das eleccións, e ao mellor é cousa de tomar un pouco de aire e cambiar un algo de tema. Así que hoxe aproveitamos para botar un ollo a algunhas cousas que circulan pola rede e que dan que pensar sobre o que somos e se de verdade o ser humano pode ser considerado un animal racional.

Por exemplo, o “suceso” de Guillermo Vargas que decidiu montar unha “obra de arte” consistente en atar nunha corda un can que recolleu na rúa, expoñelo, e deixalo morrer de inanición, sen darlle nada de comer, mentres fronte a el se podía ver a frase “Eres lo que lees” escrita con comida para cans.

O declive do animal e a súa posterior morte, que estivo “exposta” ao público na Bienal Centroamericana de Arte do 2007, foi observada de forma impasíbel polo creador e o público que por alí pasou, sen que ninguén obxectase nada á morte absurda e innecesaria do animal. E non só iso, senón que os organizadores da bienal volveron convidalo a facer a mesma exposición. Non ten sentido ningún. Podedes ver varios vídeos na rede, aquí quédavos un, e estanse a recoller sinaturas para impedir que se repita o experimento.

Tamén é para reflexionar o caso dun axente de viaxes que vén de ser censurado case sen el sabelo. Steve Marshall tiña varias páxinas webs promocionando viaxes a Cuba. De repente, todas as súas páxinas foron censuradas e pechadas por orde dos EEUU. O máis lamentábel do caso é que desapareceu, xa non o dereito á liberdade de expresión (as páxinas web só falaban de turismo) senón incluso á presunción de inocencia e a un xuízo xusto con dereito a defensa, xa que as páxinas web foron pechadas sen darlle nin o máis mínimo aviso ao seu titular. Exemplo claro e triste da democracia en que queren que vivamos.

Outra nova interesante destes días, para a reflexión, son as manifestacións do Papa Bieito XVI, que no xornal L’Observatore Romano (o xornal do Vaticano) vén de facer pública unha nova listaxe de pecados. Xa non abonda coa ira, a gula ou a luxuria, había que actualizar a lista de pecados aos mundos modernos. Dende agora, é pecado a contaminación ambiental (podemos estar de acordo, haberá que analizar en que medida, porque todos contaminamos), a participación en experimentos científicos e ensaios xenéticos, e incluso o consumo de droga.

Con isto, e tendo en conta a vida humana, somos para a igrexa todos e todas pecadores? Tamén o é calquera cura de aldea ao coller o coche, xa que iso contamina? E ao beber viño de misa (non esquezamos que o alcol tamén é unha droga segundo a Organización Mundial da Saúde)? Dende logo, que ben nos ven a Igrexa católica que sempre nos dá que falar.

Volve o sector máis á dereita no PP

9-M, O que hai que oír Comentar este artigo »

Venres, 08 de febreiro de 2008

As campañas electorais son momentos nos que todas as forzas políticas intentan convencernos das súas bondades, e amosar a súa cara máis amábel. No PP, sen embargo, semella que isto non pretende ser así.

Despois de moito tempo en que tentaron convencernos da súa viaxe ao centro (viaxe pouco críbel estando liderada por un ex-colaborador da ditadura, Manuel Fraga), a vertente máis dereitista tomou o poder e, trala caída de Ruiz Gallardón, amosan novos e preocupantes signos de ranciedade no PP.

Esta forza política ven de presentar como candidato ao Senado pola provincia de Albacete ao ex-xornalista Dimas Cuevas, coñecido no zona onde dirixía un xornal no que verqueu fortes comentarios homófobos. Velaquí un extracto das súas xoias:

“Las bodas de lesbianas tendrán que incluir diversas variedades de tortillas [...] y los convites para homosexuales serán a base de perritos calientes y plátanos al horno”.

“Si la palmo antes de lo previsto, prohíbo que den a mis chiquillos en adopción a ningún matrimonio de gays, lesbianas o mediopensionistas. Sólo falta que los traigamos al mundo, los criemos y los eduquemos, para que luego acaben los pobres rodeados de cualquier cosa.”

“Sólo me cabe una duda: si los que se casan son dos machos (con perdón) y en el supuesto caso de que uno de los manchegos matrimoniados tenga la mano larga, ¿su pareja tendrá derecho a la protección de la nueva ley contra la violencia de género? Supongo que, siguiendo la Ley de Mahoma, sólo será así si el maltratado es el que toma…”

Por unha banda hai que recoñecer que está ben que os partidos políticos se desenmascaren e nos presenten a súa verdadeira faciana. Por outro non podemos máis que lamentar que un partido que di ser alternativa de goberno nos presente no século XXI a alguén tan retrógrado.

 Claro que non é o único. O ex-ministro e novamente candidato Arias Cañete tamén se destapou onte cunhas declaracións nas que culpaba á inmigración de diversos males da sociedade española, entre eles as colas na sanidade e o baixo nivel de formación en determinados postos de traballo. Non, a culpa non é nin da falta de investimentos en sanidade nin do empresariado que nin forma nin lle preocupa a formación, senón dos inmigrantes. Que fácil culpar ao indefenso, será que os inmigrantes non votan nestas eleccións?

Os problemas sexuais da igrexa

O que hai que oír Comentar este artigo »

Luns, 28 de xaneiro de 2008

A maior parte da xente xa sabía das moitas fobias da igrexa católica, representadas en forma de pecados e normas morais de obrigado cumprimento. Malia iso, dun tempo a esta parte están algo “saídos”, seica o tema do sexo lles toca de preto.

Despertabamos hoxe, en case todos os medios escritos, coas declaracións dun novo bispo, desta volta o de Almería, que declaraba, nin máis nin menos, que “a homosexualidade normalmente é unha enfermidade, ninguén quere ser homosexual”.

Ben, salvando a barbaridade de este home pretender falar en nome de toda a cidadanía (”ninguén quere ser…”),  resulta xa recurrente o feito de sinalar a homosexualidade como doenza. Neste senso, o/a xornalista fixo unha pregunta moi acaída ao bispo: “pero tamén hai sacerdotes homosexuais”, e a resposta: “non, non debe habelos”.

Pode ser certo que non deba habelos, pero o feito é que os hai. Todo o mundo recorda aínda o caso dun sacerdote andaluz que tivo a valentía de saír na revista Zero (destinada, principalmente, ao público homosexual) recoñecendo a súa condición, ou a renuncia de Juan Carlos Maccarone, fai algo máis de dous anos en Arxentina, ao saberse da súa relación cun mozo de 23 anos. E todo isto, por suposto, sen entrarmos a analizar os casos dos curas pedófilos, que tanta sona tiveron no seu momento.

Porque o da pedofilia, máis se o asociamos á igrexa (supostamente asceta), tanto máis que doenza é delicto. E aquí aínda recordamos as declaracións, fai menos dun mes, doutro bispo, desta volta de Tenerife, que sinalou que “o abuso a menores se produce debido a que hai menores que os consinten” e, ollo ao dato, a perla final: “hai adolescentes de 13 anos que son menores e están perfectamente de acordo e, incluso, se te despistas, provócante”.  Con posturas como estas, non debería sorprender (quizais si escandalizar) a actitude da xerarquía eclesiástica que, en varios casos xa, ao saberse de temas de abusos a menores, en vez de despedir aos seus sacerdotes, simplemento optou por cambialos de destino.

Por certo, que esta teima non é só da igrexa. No seu momento tamén o PP levou ao parlamento un experto que mantivo a mesma teoría (o da homosexualidade como enfermidade) e moitos dos seus altos cargos non andan moi lonxe da súa teoría.

En fin, o que hai que oír. Mellor que falar da igrexa, case sería deixalos falar a eles: as súas propias palabras desacredítanos máis do que ninguén o poida facer.

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in