Curros, unha escolma

Xente da terra Comentar este artigo »

Xoves, 10 de abril de 2008

Coa excusa do centenario do pasamento de Manuel Curros Enríquez, e concretamente da conferencia que ao respecto pronunciará mañá no Casiño de Carballo, ás 20.30 horas, Francisco Rodríguez, aproveitamos esta semana para repasar a súa figura. Hoxe deixamos aquí unha breve escolma con algúns dos seus versos.

Primeiramente, un dos seus poemas máis coñecidos e valorados, O Maio

Aquí ven o maio
de frores cuberto…
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
 
Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
¡Pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!…

 
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

 
¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?…
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Outros dos seus poemas máis recoñecidos son os que dedicou a Rosalía de Castro, tanto o que figurou na postal que conmemora a súa visita á tumba da poetisa, como estoutro, para nós o máis fermoso: 

Do mar pola orela 
mireina pasar, 
na frente unha estrela, 
no bico un cantar.
E vina tan sola 
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola 
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos, 
comesta se veu…
Os ósos son dela 
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela! 
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

 

E, para rematarmos a escolma, sendo Curros como foi un home que se destacou polo seu anticlericalismo (deixou, entre outras, unha frase lapidaria:”E Dios dixo: se eu fixen tal mundo, que o demo me leve”), non podiamos deixar de amosar parte da súa poesía neste senso, en concreto un fragmento do seu libro O divino sainete no que caricaturiza á xerarquía eclesiástica devorando aos defensores da patria:

Entrei no vagón, e diante
de min presentouse a escena
máis atroz e repugnante.
Montón de frades noxentes,
obscenos, crasos, cebados,
de longas uñas e dentes,
con rudo renxer de moas
botan a parva, engulindo
cal torpes serpentes boas. (…)
-¿Quere acompañar? Sen gana
cómeselle esto. -¿E que é eso?
-Un pouco de carne humana.
Mesmo de xunto á rileira,
nunca saio sen un toro
de Murguía na fiambreira.
-Mercé, non levo apetito.
-Matámolo a paus nantronte,
¡élle un bocado exquisito! (…)
I así, pra min estendendo
anacos do seu almorzo
todos fóronme ofrecendo
con crianza e fidalguía
talladas de Oxea, Vicetto,
Lamas, Pondal, Rosalía…
Mirando aqueles horrores,
vendo que trato merecen
os artistas e escritores,
suspirei con triste xesto,
“¡Pardiola! ¡Non paga a pena
de amar a patria pra esto!
Atento Añón ó meu dito,
-Ten conta -observou-, ten conta
con non alzares o grito;
que se esta xente soubera
quen es ti, que a censuras…
¡non che arrendo a que che espera!
¿Coidabas outra caricia
obter da que obtemos todos,
dos críticos de Galicia?
Pois, meu amante, vai vendo…
-e Añón amosoume un frade
que ía os meus ósos roendo.

En fin, Curros dá moito de si. Se queredes profundizar e ler máis, deixámosvos este enlace para verdes unha escolma maior dos seus versos. Boa lectura.

Curros, o loitador

Xente da terra Comentar este artigo »

Mércores, 09 de abril de 2008

Onte abordabamos a figura de Manuel Curros Enríquez dende unha perspectiva literaria, referíndonos á súa obra. Hoxe repararemos na súa faceta máis humana, máis comprometida. E é que dos tres grandes do rexurdimento, Curros foi quizais o máis activo socialmente.

Curros foi, nos primeiros tempos, un home alleo ideoloxicamente á Galiza, comprometido co ideal republicano, liberal, un home que cría no progreso e nos avanzos técnicos, na liberdade e na separación total entre Igrexa e Estado. Era Curros republicano, anticlerical e anticaciquil.

Foi na etapa da Primeira República española cando se conformou ideoloxicamente Curros, e polos seus principios será polos que traballe e loite nos seus comezos. Mais o paso do tempo, o feito de irse topando día a día coa realidade dun estado español centralista, fixo que Curros fose co tempo tomando consciencia do país, e acabaría tomando parte do movemento prenacionalista, do mesmo movemento que liderarían Manuel Murguía e Alfredo Brañas.

O seu activismo ideolóxico e social tróuxolle os seus problemas, pois coa caída da República e a chegada da Restauración acabaría perdendo o seu posto de traballo e tería logo outros problemas nos sucesivos xornais nos que foi colaborando. Ao final, Curros optaría por coller o camiño da emigración cara Cuba, onde viviría o proceso de independencia desta illa con respecto a España.

Curros morrería no 1908. Sen abandonar nunca o seu ideal republicano, acabou comprometido coa súa terra natal (na que pouco tempo viviu, xa que estivo moito tempo en Cuba, os últimos catorce anos da súa vida, e outros moitos anos en diversas partes do estado español), coa súa lingua, e incluso co antiimperialismo, que se materializaría especialmente no poema que dedicou a Rosalía de Castro na visita que fixo á súa tumba.

Curros foi enterrado na Coruña, e o seu cadáver foi recibido por unha multitude de persoas. Curiosamente, foi enterrado co ritual católico, o que provocou o malestar de moitos contemporáneos que non o entenderon coñecendo o pensamento de Curros.

Curros, o escritor

Xente da terra Comentar este artigo »

Martes, 08 de abril de 2008

Abordamos onte a figura de Manuel Curros Enríquez, quen este venres, no Casino de Carballo, será obxecto dunha conferencia, a raíz dos actos conmemorativos do centenario do seu pasamento. Tal efeméride ben merece que paremos un pouco a revisar quen foi, quen é e o que  representará para o país este personaxe. Nestes días, xa que logo, deterémonos na figura do autor de Celanova.

Curros é coñecido, fundamentalmente, por ser un dos tres piares máis importantes que sostiveron o rexurdir da literatura galega no paso dos séculos XIX ao XX, xunto con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dos tres, en vida, foi quizais o máis recoñecido (da súa obra máis importante tiráronse varias edicións en poucos anos), aínda que isto non lle valeu para evitar un dos males máis habituais naquel tempo no noso país, a emigración, ou quizais foi parte da razón, posto que os seus escritos valéronlle algúns que outros inimigos.

Curros comezou a súa obra literaria en galego co poema “A Virxe do Cristal“, que lle valeu para gañar un certame poético en Ourense no ano 1877, e que narra unha historia de carácter popular sobre dous namorados e a aparición da virxe.

Tres anos despois vería a luz a súa obra máis sonada, “Aires da miña terra“, unha obra cualificada por algúns de costumista, pero que ten un forte trasfondo de denuncia social. O poemario recollía textos de diferentes anos, e nas sucesivas edicións que publicou en vida foi aumentando a escolma.

Xa no ano 1888 publicou “O divino sainete“, unha obra dun forte contido anticlerical, o que despertou a ira de boa parte da xerarquía eclesiástica, nomeadamente do bispo de Ourense. A obra narra unha suposta viaxe do propio Curros a Roma con motivo do ano xubilar, e Curros aproveita o camiño para caricaturizar a diversos personaxes das xerarquías eclasiástica e política do seu tempo.

Urbano Lugrís, o pintor do mar

Xente da terra Comentar este artigo »

Xoves, 14 de febreiro de 2008

O país ten deixado personaxes que merecerían ocupar o seu lugar na historia do mundo, e sen dúbida, un deles debería ser Urbano Lugrís, o pintor do mar. No presente ano festexamos o centenario do seu nacemento, aínda que tamén é certo que non se sabe exactamente cal foi a data en que naceu.

Urbano Lugrís foi un home multidisciplinar, aínda que destacaría como pintor, e foi un activista cultural de máxima orde, especialmente nos tempos da II República, onde participou das chamadas Misións Pedagóxicas.

Nestas nosas terras de Bergantiños, é unha persoa moi vencellada á vila mariñeira de Malpica de Bergantiños, que pintou (sobre todo o seu mar) en numerosas ocasións, decorando a Casa do Pescador de Malpica e tamén dando nome ao seu centro de ensino secundario. Incluso, en 2002, constituise un colectivo co seu nome.

Urbano Lugrís, bohemio, artista, fillo doutro grande da historia galega como é o caso de Manuel Lugrís Freire, deixounos no ano 1973, mais fica unha magnífica obra digna de ver.

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in