Mai 09
Venres, 09 de maio de 2008
Hoxe vimos de coñecer unha iniciativa ben interesante destas que circulan pola rede. A imitación dos “razzies”, os coñecidos como antióscar, a web Galicia Profunda pon en marcha unha votación electrónica para escollermos ás persoas que menos fixeron pola lingua galega ou, quizais, quen máis a atacaron ou máis dano lle fixeron.
A votación divídese en tres categorías: boina de ouro, sacho de ouro e fouciño de ouro.
O premio boina de ouro será para quen, a xuízo das persoas que voten, menos teña feito en favor do galego ao longo da historia. Dende a web proponse como candidatos iniciais a Francisco Franco Bahamonde e os Reis Católicos, pero xa teñen aparecido outras moitas propostas, tales como Fraga, La Voz de Galicia ou a igrexa católica.
O premio sacho de ouro será para quen menos fixer polo galego nas últimas dúas décadas. Proponse inicialmente a Rajoy, Touriño e a Real Academia, tendo xa aparecido como propostas Paco Vázquez ou a TVG.
O premio ao fouciño de ouro céntrase na peor persoa ou entidade para a lingua no último ano. Dende Galicia Profunda propoñen a Galicia Bilingüe, o xefe de sección do Carrefour da Coruña e os avogados da Cope. Nesta altura figuran xa con candidatura a COPE ou a selección galega de fútbol, aínda que a votación está liderada claramente por Galicia Bilingüe.
Animádevos a participar, a iniciativa é ben xeitosa.
Mai 03
Sábado, 03 de maio de 2008
Pasado o primeiro de maio, a loita obreira non debe rematar. A CIG reuniu nas rúas, nas diferentes manifestacións convocadas ao longo do país para este primeiro de maio, a milleiros de persoas. Mais é preciso que o traballo e a unidade da clase obreira sexa unha realidade os 365 días do ano.
Hoxe aconsellamos unha visita á nova web da Confederación Intersindical Galega (CIG), que vén de ser fondamente renovada e agora se presenta baixo o formato de xornal dixital co nome de Avantanr.
A web ofrece ampla información sobre a propia organización, pero ademais recolle artigos e entrevistas de personalidades de carácter internacional, como James Petras ou Nestor Kokan. Non deixedes de botarlle un ollo.
Mar 19
Mércores, 19 de marzo de 2008
A conto da convocatoria do IV Premio a artigo xornalísticos normalizadores por parte do Concello de Carballo, acourdounos a figura dun galego especial, o amigo Séchu Sende, un dos gañadores do pasado ano e que ademais pasou polo Concello de Carballo para presentar e dialogar cos lectores sobre a súa última obra narrativa, o Made in Galiza.
Xosé Luis González Sende, máis coñecido como Séchu Sende, é un deses galegos particulares, un animoso defensor da lingua galega, e participante en diversas iniciativas a prol do idioma, xa sexa dando conferencias, xa sexa artellando actividades do máis diverso, tamén desde a súa faceta de escritor.
O Made in Galiza é un libro moi recomendábel, breve, ameno, formado por varias ducias de contiños moi curtos que son un auténtico manual de sociolingüística. Cada un dos seus contos, en apenas unha ou dúas páxinas, axúdanos a reflexionar, aportando moita lucidez, sobre a situación da lingua en tal ou cal situación da vida cotiá. De verdade que volo recomendamos.
Made in Galiza é, ademais, o nome que ten na rede o blogue do propio Séchu, o cal vos animamos a visitar. Xa avisamos que é un espazo particular, representativo da figura deste autor, mais bastante interesante. Deixádevos guiar pola curiosidade e botádelle un ollo a fondo, hai máis do que semella.
Feb 28
Venres, 29 de febreiro de 2008
Estes días estamos a falar abondo nesta web da situación da lingua no propio país, e casualidades da vida ou non, onte cumpríronse 20 anos do nacemento dunha organización que xa é referencial.
A Mesa pola Normalización Lingüística, nacida no ano 1988, traballa dende entón na defensa e dignificación da lingua galega, na loita porque o galego ocupe o espazo e a normalidade que no país lle corresponden.
Recomendámosvos dende aquí unha visita á súa páxina web, e animámosvos a traballar para facer, igual que A Mesa, posíbels as mil primaveras máis para a lingua galega.
Feb 24
Domingo, 24 de febreiro de 2008
Fai hoxe doce anos, alá polo 1996, saía á luz pública un portal de internet que é hoxe referencia na rede galega. Tratábase do Vieiros, un dos portais de información diaria, quizais o primeiro que publicou información en galego día a día.
Hoxe, no portal, recollen un artigo no que repasan como foron os seus comezos, cando naceron como un buscador de webs galegas, e as sucesivas transformacións que foi sufrindo, até converterse no que é, unha referencia da información galega.
Dende aquí parabéns á xente de Vieiros e a mantérmonos aí, que boa falta lle fai á lingua e cultura galegas.
Feb 20
Mércores, 20 de febreiro de 2008
De primeiras, máis de un pensaría que se trataba dunha broma, do particular sentido do humor dos galegos, dunha boa dose de retranca.
Pero resulta que non, que non é carallada. Naceu, podedes traballar con el, www.jujel.es, o primeiro buscador de internet galego.
O “jujel” é unha versión do coñecido “google” (está feito coa complicidade desta compañía), pero que, nas súas búsquedas, prioriza os resultados das páxinas en galego. Funciona exactamente igual que o orixinal, e facilita a búsqueda de referencias na nosa lingua. Moitas veces atopámonos conque ao realizar unha búsqueda, aparecen milleiros de resultados. O “jujel” pon diante de todos os demais, os resultados de páxinas en galego.
Consideramos que é unha boa noticia. Máis aló da retranca do nome (a páxina, por exemplo, ten unha explicación de porque “jujel”, con “j”, cando esta letra non existe na nosa lingua) como guiño que é á “gheada” da Costa da Morte e doutras zonas do país, é tremendamente positivo que a nosa lingua vaia conquistando espazos tamén na rede. Dádelle uso.

Feb 07
Xoves, 07 de febreiro de 2007
Pascual Serrano é un xornalista atípico. Nacido en Valencia no ano 1964, fundou xunto a outros xornalistas fai máis de dez anos o xornal electrónico Rebelion, onde aínda agora colabora habitualmente, e tamén participa de diversos medios de comunicación en latinoamérica, centrando o seu traballo na política internacional.
Pero o que convirte en especial a Pascual Serrano é, quizais, o seu especial interese en analizar a práctica máis ou menos acaída do xornalismo. Ten publicado xa varios libros sobre mentiras e disparates nos medios de comunicación, e no citado portal de internet saca habitualmente un resumo coas noticias máis interesantes.
Así, por exemplo, a través do seu último artigo publicado neste medio, puidemos coñecer a cultura política do presidente dos EEUU, visualizar a “imparcialidade” de El País, ollar como os medios tratan a realidade informativa de Cuba ou Venezuela…
Este último artigo, que recomendamos encarecidamente, é só un dos moitos que se poden ver neste foro así como na súa páxina web. Botádelle un ollo.
Xan 22
Martes, 22 de xaneiro de 2008
A Asociación Cultural Monte Branco naceu fai xa máis de vinte e cinco anos cun único obxectivo: defender e espallar a cultura galega.
Para iso, dende unha pequena terra da nosa bisbarra, dende a parroquia pontecesana de O Couto, levan dende 1982 argallando diferentes tipos de actividades, facendo unha oferta plural, lúdica e formativa. Sona adquiriron moitos dos concertos que organizou esta asociación, e xa é tradicional e de relevo máis aló de Bergantiños a Festa das Letras Galegas que organizan cada ano darredor do 17 de maio.
Na actualidade, teñen nesta parroquia unha Casa dos Veciños, onde dan acubillo e onde centralizan todas as súas actividades regulares: obradoiros de olería, talleres de teatro e xornalismo, canto e pandeireta, a súa biblioteca… así como outras máis puntuais, como video-fórums, festas de reis, antroido, semana das letras, escola de verán, simposio pondaliano…
Dende aquí, non podemos máis que felicitármonos por contar nas nosas terras de Pondal con esta asociación tan viva e tan loitadora, e animarvos a visitalos, tanto na súa páxina web como na súa Casa dos Veciños.
Xan 15
Martes, 15 de xaneiro de 2008
Na serie “Xente na rede”, presentamos ao colectivo Ciberirmandade da fala.
A Ciberirmandade da fala é posibelmente un dos colectivos máis veteranos en defensa e espallamento da lingua galega na rede, senón o que máis.
A través da súa páxina web (www.ciberirmandade.org) desseñan campañas e actividades que, coas facilidades que ofrece a rede, permiten a quen así o queira, cun moi cativo esforzo, poñer o seu gran de area para conseguirmos o espallamento da lingua galega e o avanzo do proceso normalizador.
A Ciberirmandade da Fala, nada xa no ano 1996, é un proxecto aberto, e como eles mesmos sinalan, admiten aportacións de todo tipo: suxerencias, críticas, propostas de traballo…
Se de verdade che preocupa a atúa lingua, non deixes de visitalos: “www.ciberirmandade.org“
Comentarios Recentes