Democracia socialista

Está pasando Comentar este artigo »

Martes, 06 de maio de 2008

Dúas vilas afastadas, Lugo e Malpica de Bergantiños, ofrécennos hoxe boa mostra da forma que teñen de facer política os/as “socialistas” galegos/as. Unha política incoherente, rozando a hipocresía en moitas ocasións, abertamente criticábel os máis dos casos (véxase, por exemplo, a disparidade no voto de cargos socialistas sobre a moción do PP contra as normas do hábitat, normas que o seu secretario xeral e presidente da Xunta aprobou non hai moito).

En Lugo, Clemente López Orozco, representa xunto ao actual alcalde de Ames a ofensiva antinacionalista. Orozco gobernou fai dous mandatos co BNG, no pasado fíxoo só con maioría absoluta, e desta volta, tras perder a maioría, preferiu un goberno en minoría a un pacto co BNG.

No entanto, moitos líderes do PSOE non acaban da asumir o significado dun goberno en minoría e a práctica do diálogo que iso debera conlevar. Como se dixo, hoxe Lugo e Malpica de Bergantiños ofrecen bos exemplos.

En Lugo, no período 1999-2003, época de pacto PSOE-BNG, acordouse a elección democrática dos/das representantes parroquiais, e levouse a efecto. Isto, por exemplo, tamén está previsto en Carballo, onde xa existe o regulamento de participación cidadá e será unha concelleira socialista a encargada de poñelo en marcha neste mandato.

Pero Clemente López Orozco di que nones. Di que “aínda que sexa un acordo maioritario non me sinto obrigado a cumprilo”, polo cal manifesta que vai nomear as pedanías a dedo. Así entenden eles a dedocracia… quixemos dicir a democracia.

En Malpica de Bergantiños o alcalde quere gañar con xogadiñas o que non lle deron as urnas. Fuxindo tamén dun pacto co BNG, optou por un goberno minoritario cun amigo insuficiente. Pero Ramón Varela tampouco comprende en demasía o que significa un goberno en minoría.

Isto leva a que moitos dos grandes proxectos queden na lista de espera por non se debater en tempo e forma, ou directamente por non os querer debater. Tal foi o caso da solicitude dunha escola taller, e tal é o caso dos orzamentos municipais, documento fundamental de xestión que en Malpica segue pendente de debate e aprobación.

Pero, aproveitando unha conxuntura concreta, Ramón Varela quere conseguir o que en boa lei non podería. A dimisión de Emma Abella, concelleira do BNG, implicaba un trámite que, no pasado, se ten solventado dun pleno para outro (hai uns meses unha concelleira do PSOE dimitiu nun pleno e, no seguinte, xa tomou posesión o seu substituto, isto é, o PSOE tivo cinco votos en todos os plenos, a pesar do cambio). Porén, co caso BNG, a “celeridade” da xestión municipal pode facer que isto non sexa así, posto que a dous días do pleno, a xestión da burocracia municipal por parte do alcalde pon en cuestión que o terceiro da lista nacionalista, Francisco Gorín, poida tomar posesión no pleno deste xoves e polo tanto votar.

Isto ten unha relevancia ben grande, que é coñecida e quen sabe se aproveitada polo alcalde. Nun pleno ordinario, os votos do goberno (PSOE e Alfredo Cañizo) suman seis, mentres que os da oposición suman sete. Cun voto menos na oposición, prodúcese un empate, e decide o voto de calidade do alcalde.

Polo si ou polo non, casualidades da vida, xusto nesta conxuntura, ao alcalde acórdalle (seica nin o tiña comentado coa oposición) levar ao pleno a aprobación do orzamento municipal que inclúe, entre outras cousas, unha subida do seu salario. Será, de certo, casualidade?

Home, estamos falando de cousas serias

O que hai que oír Comentar este artigo »

Luns, 05 de maio de 2008

A noticia ten pouco de tal cousa, porque realmente recolle realidades que, na maior parte dos casos, foron denunciadas fai xa tempo. O que quizais si é novedoso é quen a publica.

O xornal El País, pouco sospeitoso de nacionalista ou defensor da lingua galega, publica hoxe unha nova-reportaxe sobre discriminacións contra persoas galego-falantes nos máis diversos eidos: xustiza, hospitais, mercado laboral… Tamén se conta a resposta que lle deron a un escritor galego cando pediu que unhas necrolóxicas que encargaba se redactasen en galego:”Home, estamos falando de cousas serias”.  O artigo non ten valoracións de ningún tipo, cousa que se habitúa nunha prensa cada vez menos obxectiva, pero non deixa de ser un paso adiante que un xornal coma este se atreva a dar tamén estas informacións.

O artigo recolle casos xa sabidos, como as dificultades coñecidas por Xosé Lois para poder escriturar en galego, casos xa comentados de despidos por falar galego no traballo, casos na xustiza e referencias ao recente “caso COPE”. O dito, sen ser unha novidade ningún destes casos, aledámonos de que comecen a gañar repercusión, pois que se teña coñecemento e consciencia da súa existencia é o primeiro paso para solucionármolos. Nós xa o sabiamos e xa se tiña denunciado, agardemos que agora a nova chegue a xente que antes facía oídos xordos.

Aínda que tamén pode ser que na redacción de El País se colase algunha persoa nova que non sabe moi ben onde está, porque nas familias (e as empresas ao final tamén son unha pequena gran familia) hai de todo. Senón que llo digan a Rouco Varela, o ilustre arcebispo de Madrid. Fai non moito conseguiu que un seu sobriño fose nomeado tamén bispo nesta nosa Galiza, pero mira ti por onde outra sobriña (canaria, esta)  vén saír esta semana na portada da revista Interviú, como acostuman ser as portadas desta revista, e cargando duramente contra a familia.

O mundo anda tolo, e cada día vense cousas novas. Que será o próximo? A COPE pedindo a liberdade para os presos etarras? Zapatero falando catalán na intimidade? Estaremos para contalo.

Onde vas estar o 18 de maio?

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Domingo, 04 de maio de 2008

Hai milleiros de razóns para estarmos e moi poucas para non facelo.  O vindeiro 18 de maio está convocada unha manifestación nacional polo dereito a vivirmos en galego, e alí ten que estar todo o país en pé. Deixámosvos unha escolma de textos de variada autoría, co enlace a artigos máis longos, nos que se reflexiona sobre a lingua. Sexa como for, o día 18, non faltes.

Podemos dicir que seguimos recoñecéndonos e sendo recoñecidos galegos e galegas grazas ao noso idioma, aquel que nos identifica e singulariza á par doutros idiomas e doutras culturas, aínda que a nosa diacronía nos fale de termos sido vítimas da máis bárbara castra(piza)ción cultural.  Mercedes Queixas. Restauración. Ver artigo completo.

Certo que unha concepción individual do problema lingüístico (ou da distribución de cinema ou da ecoloxía) non permitirá nunca a súa plena solución, porque o conflito é intrinsecamente colectivo. Mais tamén é verdade que sen o apoio a través da práctica diaria, non será posíbel conseguir as transformacións que nos propoñamos. De non ofrecermos solucións, facemos parte do problema. Carlos Callón. O sabio consello de Meryl Streep. Ver artigo completo.

Cóntame unha compañeira que anda cos preparativos da Comuñón da súa filla, de Sabela, o que lle aconteceu cando quixo facer os convites. No Corte Inglés da Coruña simplemente non fan as invitacións en galego; en Porvén, tamén da Coruña, si as fan, só que en castelán custan 10€ e en galego 30€!!!! ” porque cobran igual que o inglés”
Para que logo digan que o galego non é rendíbel! 
Xoán Costa. En castelán entenden igual. Ver artigo completo.

Hoxe erguínme máis tranquilo. Hoxe sinto que teño máis dereitos. Hoxe respiro máis liberdade ca onte. Hoxe falo con máis ledicia e as palabras saen da miña boca con máis forza, porque hoxe sei que se Mariano Rajoy é Presidente do Goberno español, terei garantizado o meu dereito a me expresar en español en todos os recunchos de España. Tamén en Euskadi, Galicia e Catalunya onde, segundo contan, antes non se podía. Dani Álvarez. Defender o español. Ver artigo completo.

Coa CIG, na rúa, a loita continúa

Xente na rede Comentar este artigo »

Sábado, 03 de maio de 2008

Pasado o primeiro de maio, a loita obreira non debe rematar. A CIG reuniu nas rúas, nas diferentes manifestacións convocadas ao longo do país para este primeiro de maio, a milleiros de persoas. Mais é preciso que o traballo e a unidade da clase obreira sexa unha realidade os 365 días do ano.

Hoxe aconsellamos unha visita á nova web da Confederación Intersindical Galega (CIG), que vén de ser fondamente renovada e agora se presenta baixo o formato de xornal dixital co nome de Avantanr.

A web ofrece ampla información sobre a propia organización, pero ademais recolle artigos e entrevistas de personalidades de carácter internacional, como James Petras ou Nestor Kokan. Non deixedes de botarlle un ollo.

Galegos/as con poder en Madrid

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Venres, 02 de maio de 2008

Hoxe que todo Madrid está de festa en honra á rebelión contra Francia de hai dous séculos, recomendamos unha lectura breve pero moi interesante que fala da presenza galega na Corte.

O artigo do sempre xenial José Luis Sucasas no xornal electrónico Vieiros reflexiona sobre o teórico poder de Galiza, que é o berce do 18% das persoas que terán carteira ministerial no próximo goberno Zapatero, o territorio do estado máis representado.

Este artigo, que leva por título Galegos na corte do rei Carolo, reflexiona sobre o importante ou nulo papel que outros importantes políticos chegados de Galiza, como Franco ou Rajoy, tiveron na política estatal e o pouco ou nada, quizais máis ben ao contrario, que isto representou para o noso país.

Nesa liña, é interesante unha das liñas argumentais que esboza Sucasas pero apenas debulla. Sendo Cataluña a clave do triunfo electoral do PSOE, é Galiza, pola contra, a máis representada. Isto ten a ver, como o autor deixa entrever no seu prólogo, o pouco que o PSdeG é quen de berrar e facerse oír dentro do PSOE. Así, mentres que o PSC si fai oír a voz de Cataluña, pouco ou nada diferenciará a un ministro ou unha ministra naturais de Galiza con respecto a aqueles/as que proceden doutros territorios.

Galiza, como sempre, está, pero pinta pouco ou nada. Tristemente. En todo caso, non vos preocupar, na próxima cita das eleccións galegas xa se encargará o PSdeG de presumir de carteiras ministeriais. Ao fin e ao cabo, é para iso para o que van servir, para máis nada. Lede o artigo, é recomendábel.

1º de maio, a loita continúa

É historia Comentar este artigo »

Xoves, 01 de maio de 2008

Afeitos/as como estamos a ver o calendario tinguido de días laborábeis ou festivos sen grande xustificación (por exemplo, nun estado aconfesional como di ser o noso, máis da metade dos festivos sono por causas relixiosas), para a maior parte da cidadanía o primeiro de maio non ten máis significado que iso, ser un día non laborábel.

É paradoxal, porque se trata do día da clase traballadora, isto é, o día, por así dicilo, da inmensa maioría da cidadanía galega. Somos moitas as persoas que consideramos que o día primeiro de maio é preciso seguir saíndo á rúa, que manifestamos que aínda hai moito polo que loitar, e na Galiza como en ningures. Estes días, por exemplo, barrúntanse regulacións de empresa en BBVA, FADESA ou Santa Bárbara, por poñer só algúns exemplos significativos. Exemplos de que para a grande empresa contan os beneficios e non as persoas, se hai rendemento, ben, senón, paga o pato o cadro de persoal. Por iso segue a ser fundamental a unidade da clase traballadora.

O 1º de maio foi establecido como día da clase obreira na Segunda Internacional do Congreso Socialista Obreiro, que tivo lugar en París no ano 1889, e hoxe esta data é recoñecida e sinalada na maior parte dos países da “cultura occidental”, coas salvedades de Andorra, Reino Unido e Estados Unidos.

Sintomático é o caso norteamericano, porque alí tiveron lugar os feitos que deron lugar á escolla desta data como día da clase obreira. No contexto da revolución industrial, a cidade de Chicago comezou a recoller inmensas bolsas de poboación que dende diferentes zonas acudían a traballar na industria en pésimas condicións. Por exemplo, a lexislación da altura permitía xornadas laborais de entre 14 e 18 horas.

O 1º de maio de 1886 máis de 200.000 traballadores/as secundaron unha folga xeral, que contaba entre as súas reivindicacións fundamentais a xornada laboral de oito horas (baixo o argumento: oito horas para o traballo, oito horas para durmir, oito horas para a casa). En Chicago, onde as condicións de traballo eran aínda moito peores que no resto de EEUU, a folga continuou nos dous días seguintes, con enfrontamentos coa policía que derivaron na morte de 6 persoas e outras moitas feridas, ademais de producirse o axustizamento dos chamados “Mártires de Chicago”, sindicalistas anarquistas acusados de participar nos movementos obreiros.

O redactor do “Diario dos Traballadores” escribiría unhas liñas que logo acabarían por causarlle a morte na forca, pero que deben ficar na memoria colectiva:

Traballadores: a guerra de clases comezou. Onte, fronte á fábrica McCormik, fusilouse ós obreiros. ¡O seu sangue pide vinganza! ¿Quen poderá dubidar xa que os chacais que nos gobernan están ávidos de sangue traballador? Pero os traballadores non son un rabaño de años. ¡Ó terror branco respondamos co terror vermello! É preferible a morte que a miseria. Se se fusila ós traballadores, respondamos de tal xeito que os amos recórdeno por moito tempo. É a necesidade o que nos fai gritar: ¡Ás armas!. Onte, as mulleres e os fillos dos pobres choraban aos seus maridos e aos seus pais fusilados, en tanto que nos palacios dos ricos enchíanse vasos de viño custosos e bebíase á saúde dos bandidos da orde… ¡Secade as vosas bágoas, os que sufrides! ¡Tede coraxe, escravos! ¡Levantádevos!.

A guerra de clases comezou. Unha frase para a historia. A proclama finalizaba convocando un acto de protesta que daría lugar á coñecida como Revolta de Haymarket.

Democracia?

Está pasando Comentar este artigo »

Mércores, 30 de abril de 2008

Segundo os clásicos manuais e dicionarios, a democracia viña a significar algo así como o goberno do pobo, e é un concepto que sempre se entendeu ligado á participación cidadá, aínda que fose no seu concepto máis cativo de exercicio do dereito a voto (para nós, dende logo, ten que ir moito máis aló).

No entanto, as xentes que están a construír a “nova Europa” e que presumen de democracia mundo adiante, semella quereren reiventar tamén aquel concepto. A anterior proposta de Tratado Constitucional Europeo fora aprobada en moitos países sen consulta cidadá, e noutros fíxose cun debate nulo, caso español. Alí onde houbo participación e debate, o proxecto recibiu varapaus que fixeron tambalear e caer o proceso, cos casos significativos de Francia e Holanda.

Máis os “gurús” da nova democracia europea non ceden no seu empeño de facernos crer que precisamos unha constitución nova, e vánnola impoñer polo si ou polo non. Tralo paso atrás provocado por Francia e Holanda, a UE aprobou un novo acordo, o Tratado de Lisboa, que viña recoller, no fundamental, a proposta do tratado constitucional anterior.

Agora, iso si, para evitar disgustos, retiraron a palabra á cidadanía, e fuxiuse de convocar referendos. Para que?, pensarían eles. Así, máis dunha ducia de países xa ratificaron ese acordo por vía parlamentar, sen consulta cidadá de ningún tipo. Entre os países ratificadores destaca, quizais pola celeridade, o caso de Francia, que despois de ter organizado un referendo no que gañou o “non”, aproba por vía parlamentar o contrario, nunha clara mostra de desprezo á cidadanía e á democracia.

Con este escenario, só un país ten programado referendo. Trátase de Irlanda, onde a cita coas urnas está programada para este 12 de xuño. Aínda así, fronte ao debate, segue habendo quen quere meter máis medo que argumentos. O primeiro ministro Bertie Ahern declaraba que unha hipotética vitoria do non tería repercusións para o seu país e cualificaba esta hipótese como un desastre.

Quizais todo isto teña a ver con que o tratado precisa da unanimidade dos países membros, e se Irlanda di que non, o tratado ficará paralizado. Neste escenario, as últimas enquisas fan tremer á clase política irlandesa, posto que o si conta a día de hoxe con pouco máis dun 30% de apoios (segundo as enquisas), unha cifra moi semellante á de persoas que afirman que votarán non, mentras que case unha cifra parella manifesta non ter claro o sentido do seu voto.

A reflexión, o verdadeiramente importante, é ver o triste que resulta que en vez de argumentos se queira poñer medo, que de todos os “países democráticos” da UE só un se atreva a organizar unha consulta popular, e que non preocupe o máis mínimo o que opine a cidadanía porque a clase política xa sabe cara onde quere ir e vano facer igual.

Atropelos en nome da democracia

Alén Miño Comentar este artigo »

Martes, 29 de abril de 2008

Hai valores dos que se alardea moito, mais que despois para algunha xente semellan difíciles de practicar. Falamos da liberdade, do dereito á liberdade de expresión, e do respecto a quen pensa distinto. Se conxugamos a dificultade para asumir postulados coma estes coa posesión de fortes doses de poder, atopámonos con atropelos inxustificados que despois se “xustifican” en nome da democracia e demais (pobre democracia, con que culpas ten que cargar!).

Vén isto a conto de cumprírense fai algo máis dun mes o quinto aniversario do xornal Egunkaria. O xornal Egunkaria ten, por todo delito coñecido, escribir dende Euskadi, para Euskadi, e en euskara. Isto seica molestaba a moita xente, e as asociacións de ideas, sempre que falamos destas terras, foron fáciles. Comezouse con acusacións infundadas de colaboración co terrorismo (en Euskadi isto comeza a ser unha acusación demasiado frecuente) e rematouse cun peche preventivo.

O conto é lamentábel. Os traballadores e traballadoras do xornal aínda hoxe non se puideron defender, e é que a cousa é que o xornal foi pechado como medida cautelar (presunción de culpabilidade, seica), e aínda hoxe segue pechado, por máis que o único fiscal que presentou cargos xa os retirou, non existindo na actualidade nin acusación, nin condena, nin xuízo. Esta é a xustiza española, que meritoriamente se sitúa nun triste 46º posto mundial en imparcialidade e 64º en independencia, por debaixo de países como Malawi ou Turquía.

Para máis escarnio, na data en que se cumpría o quinto aniversario do peche sen probas do Egunkaria, saían da cadea Alberto Cortina e Alberto Alcocer, dous ladróns de gravata, os coñecidos como “os Albertos”. Foran condenados a máis de tres anos de cadea por estafa e falsidade, pero o Tribunal Constitucional estimou que os delitos prescribiron (ou que tanto “glamour” non podía estar entre reixas, non o temos claro).

Non imos facer unha reflexión final por non nos deprimir. Que cadaquén tire as súas propias lecturas, non é difícil.

Son realmente as linguas as que separan?

Alén Miño Comentar este artigo »

Luns, 28 de abril de 2008

É para ficar dunha peza. No número 13 da revista Longa Lingua publícase un interesante artigo de Iulen Urbiola Loiarte, director da Fundación Euskara Kultur Elkargoa, destinada á promoción do euskara en Navarra, un artigo que, para quen descoñeciamos a situación deste territorio, supón unha revelación incríbel nun estado que algúns deron en chamar de dereito.

O citado artigo, que leva por título Navartheid, céntrase en analizar a situación legal da lingua euskara no territorio navarro, onde unhas cento vinte mil persoas se declaran vascofalantes. Se nós consideramos mala a nosa situación legal en canto ao idioma (que o é), a do euskara en Navarra, á luz deste artigo, debe ser considerada nefasta.

E é que os supostos dereitos de igualdade e non discriminación legal levan un golpe na súa liña de flotación. A lei que regula a promoción da lingua vasca en Navarra non é aplicábel por igual en todo o territorio, isto é, non todas as persoas de Navarra teñen igualdade de dereitos. Semella incríbel, mais é así.

Acontece que no norte, a chamada zona vascófona, os cidadáns e cidadás teñen dereito a usar calquera das dúas linguas (castelán e vascuence) nas súas relacións coa administración e a seren atendidos/as na mesma lingua. No ensino pódese escoller a lingua vehicular.

Pero segundo baixamos polo mapa, atopámonos coa chamada zona mixta, que é o territorio máis curto de extensión pero máis poboado (inclúe a capital), lugares onde a persoa pode escoller a lingua na que dirixirse á administración, mais xa non ten dereito a ser atendido na lingua que escoller.

E logo chegamos á zona sur de Navarra, a máis extensa territorialmente, onde xa se roza o esperpento, pois calquera persoa pode dirixirse en vascuence á administración, mais esta poderá requirirlle a tradución. Isto é, os cidadáns e cidadás poden intentar seren atendidos/as en vascuence, mais as garantías de éxito non existen. No que toca ao ensino, non se garante o dereito ao ensino en vascuence, vinculándoo á demanda, o que na práctica implica que só se pode estudar en euskara no ensino privado.

Esta situación aberrante conta co aplauso das dúas forzas de ámbito estatal, que controlan o parlamento navarro. Dende o Partido Socialista de Navarra falan dun “bilingüismo parcial ou zonal” [non sabemos se harmónico...] froito do pacto constitucional, sinalan que ao seu xuízo “o vascuence alcanzou a normalización en Navarra” e por iso consideran que están superados conceptos como o de normalización lingüística. Unión del Pueblo Navarro (a marca na zona do Partido Popular) considera que non cabe comezar a falar de normalización lingüística en tanto non haxa normalidade democrática (para entendérmonos, ETA como a eterna excusa) e recóllese, coma decote, nas boas palabras, afirmando apostar pola promoción do vascuence.

O dito. Cando xa pensabamos que a situación legal do galego era para botarse a tremer, atopámonos con realidades aínda máis escandalosas. Para aprofundar información na rede, aconsellamos o artigo publicado por Iulen Urbiola Loiarte na edición dixital do xornal Deia, titulado Idiada, e que trata esta cuestión.

Polo dereito a vivirmos en galego

Está pasando Comentar este artigo »

Domingo, 27 de abril de 2008

“As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:

  1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
  2. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
  3. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos. 
  4. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós. “

Até aquí o manifesto que A Mesa pola Normalización Lingüística editou para a convocatoria de manifestación do vindeiro 18 de maio baixo o lema que dá título a esta entrada do blogue. Dende aquí subscribimos unha por unha cada unha das súas liñas e animamos a respaldar esa convocatoria, así como a apoiar o manifesto a toda a cidadanía galega, manifesto que xa conta co apoio de máis de medio cento de colectivos de todo o país, e que serán máis de aquí ao día 18.

O compromiso coa lingua ten que ser cousa de todos e todas. Contamos contigo!

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in