Para alén de barbaridades como as declaracións do alcalde “popular” de Baiona, definindo o noitebús como “botellón subvencionado”, que a Costa da Morte precisa melloras no seu servizo de transporte público é unha obviedade, e que a mocidade debe ter alternativas para o desprazamento ao seu ocio nocturno, pois tamén.
A reportaxe que hoxe ofrece La Voz deixa latente a insuficiencia dunha iniciativa de por si moi positiva. A posta en marcha do servizo de Noitebús tivo un acollemento dispar ao longo do país, sobre todo debido á posta en marcha errática desta boa nova (lanzamento só en períodos concretos, modificación de rutas, supresión de percorridos…).
No entanto, a realidade de cada sábado demostra que na Laracha hai demanda máis que suficiente para este servizo. Isto fai que non se poida máis que reclamar a súa melloría, e que non cheguemos a entender cales foron os motivos que levaron á Consellaría de Política Territorial a reducir o servizo nun punto no que a demanda era e segue a ser moi alta.
Dende este humilde espazo, o noso apoio á reivindicación de máis noitebús (non só na Laracha, senón no conxunto do país) que, agora, parece mentira, acolle de xeito unánime toda a sociedade larachesa. Agardemos que desta volta impere o sentido común e se consiga unha ampliación do servizo acorde ás necesidades.
O nacionalismo sempre dixo que quería devolver o protagonismo e a palabra ao pobo galego. Aínda que só sexa un símbolo, unha placa, o letreiro que preside a galescola recén inaugurada na Laracha é síntoma de que algo novo está a pasar neste país. Despois de tantos letreiros con nomes de alcaldes e presidentes, por fin a cidadanía toma o protagonismo. É só unha placa, pero máis que nunca é tamén un símbolo.
Ernesto Che Guevara foi un deses homes únicos e irrepetíbeis, un dos maiores loitadores pola liberdade dos pobos, que deu toda a súa vida á loita por outro mundo, porque outro mundo é posíbel. Vén de estrearse unha nova película sobre a súa vida, e como xa moito se ten falado na rede sobre o filme (1, 2, 3, 4), non o imos facer nós. Tan só unha humilde homenaxe en forma de vídeo con música da terra, de Luar na Lubre.
Por certo que o ideal polo que o Che loitou, a liberdade, segue en cuestión incluso nos estados que se consideran democráticos. Véxase senón a imposibilidade de consultar á cidadanía en Euskadi sobre o seu futuro. É iso o que entenden por democracia? Eusko Alkartasuna, un dos partidos que soporta o tripartito gobernante en Euskadi, acaba de lanzar un vídeo (”consultafobia”), moi pero que moi imaxinativo. Botádelle un ollo neste enlace. A frase que dá comezo, de Groucho Marx, xa resume o sentido: “aínda non sei o que me vas preguntar, pero opóñome”. Si, esa é a democracia tal e como a entenden en Madrid.
Unha das máis peculiares, quizais ridículas, formas de asimilación cultural que están a ensaiar nos últimos tempos é o esforzo por implantar a “festa nacional” neste noso país. Este evento, que só tivera algunhas mínimas manifestacións nas festas de Pontevedra e A Coruña (neste caso, coa defensa a capa e espada, nunca mellor dito, de Paco Vázquez), ten nas últimas datas algunha reprodución máis, como foi o caso da vila de Negreira, fai uns días. Unhas reflexións (no blogue A botica da expresión) e un vídeo do acontecido, da Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (ADEGA). A tortura non é arte nin cultura, touradas non!
A noticia, recén coñecida, é case insólita: John McCain, candidato do partido republicano (o que actualmente ostenta o poder, o mesmo partido de Bush) para as eleccións norteamericanas que terán lugar nuns corenta días, máis menos, acaba de anunciar que suspende temporal e unilateralmente a súa campaña. Temeridade? Cobardía? Intelixencia? Que se agocha detrás de todo isto?
Comentarios Recentes