Hoxe cúmprense 525 anos da morte, do asasinato do mariscal Pero Pardo de Cela. Sen entrarmos aquí a valorar a calidade humana ou non, a biografía do mariscal, un dato si é certo: a súa morte, por desexo dos Reis Católicos, significou o fin da nobreza galega como tal, que pasou a ser substituída, xa definitivamente, por outra de orixe castelá, máis leal á nova monarquía, e foi tamén un fito clave no comezo dos que serían chamados Séculos Escuros. O 17 de decembro, de feito, foi proposto no seu momento como Día de Galiza, aínda que como é sabido despois optaríase polo 25 de xullo. Deixámosvos aquí un enlace a un artigo que o ano pasado por estas datas escribía Bieito Lobeira sobre a figura do mariscal.
Vén de coñecerse unha boa nova para a lingua galega: a saída á rúa do primeiro sistema operativo público, gratuito e completamente en galego. O Galinux, impulsado pola Consellaría de Innovación e Industria, dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, está a disposición de balde nas diversas aulas de informática que hai polo país (por exemplo, o telecentro instalado no Pazo da Cultura de Carballo) e tamén pode descargarse dende a súa páxina web. Velaquí unha reportaxe sobre esta importante ferramenta.
A morte, en si, non cabe considerala normalmente algo positivo. Quizais por iso, un xornalista iraquí lanzou un par de zapatos a Bush na súa última visita ao Iraque, esta fin de semana, para recordarlle que os milleiros de mortes alí causados non son ningún proceso pacificador nin liberador.
En calquera caso, hoxe non queriamos falar de Bush, que afortunadamente xa se despide. Hoxe queriamos recomendar un moi bo artigo de Carlos Callón, que fala da pretendida e buscada (por certos sectores da nosa sociedade) doce morte da lingua galega. E tamén, xa de paso, e quizais como último deste ano, recomendar outro artigo sobre a Constitución Española, desta volta de Olga Castro sobre a cuestión de xénero neste texto. Boa lectura.
Rebuscando pola rede, atopámonos con este interesante vídeo. Mirádeo até o final: colle as imaxes da última campaña do Ministerio de Defensa para captar militares, pero engádelle algunhas cousas que, evidentemente, non aparecen no vídeo oficial.
Hai días en que ler a prensa é convencerse da estupidez de boa parte da clase política galega. E iso é grave, porque suponse que, cadaquén na súa medida, representan a cidadanía do noso país. Non doutra maneira podemos tomar toda a liorta que se montou a raíz da aprobación inicial do plano sectorial de vivenda protexida. Non se sabe se é por interese político, económico, por pura incapacidade… mais en calquera caso, se mire como se mire, resulta difícil de entender e xustificar.
Comentarios Recentes